- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá unha recepción á veciña amesá María López Sández. A académica lucense, que reside en Bertamiráns, vén de ingresar na Real Academia Galega como membro de número.
O alcalde de Ames, Blas García, e varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal realizáronlle esta mañá unha recepción a María López Sández, profesora da USC e catedrática da ensinanza secundaria en excedencia, que ingresou o pasado sábado 11 de marzo como membro de número da Real Academia Galega (RAG).
López Sández é licenciada en Filoloxía Hispánica, Inglesa e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, e doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Ademais de como docente, destaca a súa faceta como investigadora, que se centrou na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, así como no estudo da cartografía como semiótica do espazo.
Ademais, López Sández é autora de numerosos artigos e estudos sobre Rosalía de Castro, escritora da que é estudosa. Destacan algúns como Rosalía e a paisaxe galega ou Os efectos da aculturación en “El cadiceño de Rosalía de Castro”. Nese sentido, a académica ten colaborado en numerosas iniciativas do Concello de Ames que buscan revitalizar a figura e obra de Rosalía, como a posta en marcha da exposición “O herbario de Rosalía”, inaugurada a semana pasada no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que se pode visitar ata o vindeiro domingo, 2 de abril.
Por outra banda, destaca a súa faceta como escritora de literatura de ficción. Ao longo da súa traxectoria, López Sández leva recibido diversos galardóns, como o Premio de Narrativa Breve Repsol, pola novela A forma das nubes, publicada no 2012. O seu marcado compromiso feminista maniféstase en libros como Libres e vivas (2021) ou Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021).
Visita á Casa do Concello
Durante a recepción, María López Sández estivo conversando co alcalde de Ames, Blas García, e con diversos membros da Corporación municipal que asistiron ao acto: David Santomil, concelleiro de Educación e Axenda Urbana; Luísa Feijoo, concelleira de Benestar Social e Igualdade; Genma Otero; concelleira de Facenda; Víctor Fernández, concelleiro de Urbanismo; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Escarlata Pampín, concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística; Santiago Márquez, concelleiro do Medio Rural; Beatriz Martínez, concelleira de Mobilidade; Manuel Lens, concelleiro de Medio Ambiente; Susana Señorís, concelleira de Deportes; Oliva Agra e Francisco Olmo, do grupo popular municipal; Quique Costas, de Ames Novo; e José Ramón Oulego, de Ciudadanos.
Durante o seu discurso, María López Sández agradeceu o recibimento e explicou a estreita vinculación entre Ames e o seu nexo coa RAG. “Na miña relación coa Real Academia houbo xa un contacto específico co contexto de Ames, porque unha das seccións da institución é xustamente un seminario de sociolingüística. Neste sentido, Ames é un gran laboratorio sociolingüístico, porque é un concello que representa a Galicia máis nova, a das novas xeracións. Hai moitas virtudes que se poden poñer en valor do noso concello, tanto culturalmente como de xestión do espazo e do territorio”.
Para finalizar, a académica fixo fincapé en que “aquí é onde conto seguir vivindo e desenvolvéndome profesionalmente. É un lugar desde o que seguir traballando polo que a min sempre me interesou e me motivou, que é a lingua e a cultura galega. Nese sentido, quero manifestar a miña dispoñibilidade á colaboración no plano cultural con todo o que se organice dende o Concello”.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, agradeceu o traballo de López Sández e loou a súa traxectoria, destacando o seu recente ingreso na Real Academia Galega. “Aínda que María é lucense de nacemento, tamén é amesá de corazón, e leva o nome do Concello de Ames alá onde vai”. O rexedor fixo tamén un repaso polos proxectos culturais levados a cabo pola académica no concello durante os últimos meses, como a presentación do libro Mordouelias ou da exposición “O herbario de Rosalía”.
A continuación, os voceiros dos distintos grupos da Corporación aproveitaron para felicitar a López Sández polo seu ingreso na RAG e para agradecer a súa implicación a prol da dinamización da lingua galega e da reivindicación de Ames como un espazo de proliferación cultural.
Para rematar o acto, o alcalde entregoulle á homenaxeada uns agasallos en nome do Concello de Ames: un libro con fotografías de Ames, as obras escritas polo cronista oficial de Ames, Maximino Viaño, e pola poeta de Ames, Filomena Fraga, e un prato artesano co nome do concello.