- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal realizáronlle onte unha recepción ao veciño amesán Anxo Gómez Piñeiro, que vén de recibir unha mención de honra pola súa participación no Concurso Internacional Violin Competition, na categoría de menores de 21 anos.
O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu durante a tarde de onte unha recepción a Anxo Gómez Piñeiro, violinista do Milladoiro, que con tan só catorce anos participou o pasado mes de setembro na Competición Internacional de Violín celebrada en Bratislava (Eslovaquia), logrando unha mención de honra na categoría de menores de 21 anos.
Gómez Piñeiro, que foi o participante máis novo e o único español do certame, tivo que superar tres rondas antes de pasar á final, unha preliminar e dúas presenciais, lidiando cunha programación moi complicada e interpretando obras que requiren dunha gran técnica. Fíxoo acompañado pola súa profesora no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela, Yulia Petrushevsksya, primeiro violín na Real Filharmonía de Galicia.
O violinista amesá, que cursa terceiro de profesional e xa conta con numerosas distincións e premios ás súas costas, contou que o concurso supuxo todo un reto para el, posto que “tiña que aprender sete obras novas, estiven estudando oito horas diarias durante todo o verán” e aproveitou para “agradecerlle ao Concello todo o apoio”.
O alcalde de Ames, Blas García, recoñeceu en nome de toda a Corporación municipal “o gran traballo de Anxo, que ten unha proxección moi importante. Queremos desexarlle moita sorte, non me cabe dúbida de que o volveremos a recibir moitas máis veces”, e afirmou que é un orgullo que o violinista “leve o nome de Ames polo mundo adiante”
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Reconocimiento de la Corporación al virtuoso del violín Anxo Gómez"