Pestanas principais

O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos

Xoves, 20 de xullo de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, e maila maior parte dos/as concelleiros e concelleiras da Corporación municipal realizáronlle este mércores pola tarde unha recepción a Alfredo Rodríguez, que foi director do CEP de Ventín durante os últimos dezaseis anos da súa traxectoria como docente. Alfredo Rodríguez fixo un repaso aos cambios que experimentou o CEP de Ventín dende a súa chegada no ano 2004. Tamén destacou o apoio que ofrece o Concello a este centro e ao resto de colexios do municipio, apoio que fai posible o desenvolvemento duns servizos complementarios de educación e conciliación que fan de Ames un concello único e que son referencia en Galicia e incluso no resto do Estado.

O alcalde, Blas García, destacou a traxectoria profesional de Alfredo e explicou “como sabemos que te xubilas no próximo mes de agosto quixemos facerche esta recepción, que xa ves que é un acto sinxelo pero que o facemos con moito cariño. O acto realmente importante xa cho fixeron no colexio ao final do pasado curso, pero dende o Concello queremos agradecerche o traballo que levas feito durante tantos anos en Ames e por Ames. Sempre te preocupaches polo avance do centro e por ir conseguindo melloras. Agradecerche que sempre nos chamaches cando había algo que arranxar, porque iso permitiunos mellorar no que puidemos o CEP de Ventín”.  

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, explicou “eu coñecinte hai uns meses exercendo de monitora, pero tamén son mestra e levo sempre por diante unha frase que di que hai que ensinar e escribir no corazón dun neno e ti levalo facendo moitos anos, polo que teño que aprender moito de ti. Como concelleira tamén te seguirei molestando un pouco, aínda que te xubiles. Ti coñeces o centro como ninguén, polo que pedireiche consulta cando a precise. Tamén aproveito para dicirche que desfrutes a xubilación, para ler e estar coa túa familia”.

O alcalde e maila concelleira de Planificación e Xestión Educativa entregáronlle a Alfredo Rodríguez un ramo de flores, un libro con fotografías de Ames e un prato coa “A” de Ames elaborada pola artesá Ana Rosa Lista que ten o seu taller en Ortoño.

Evolución do CEP de Ventín dende 2004
Alfredo Rodríguez dixo que “nas últimas semanas experimentei días de moita emoción, de pasar páxina e de darlle unha volta ao libro porque de repente deixas de forma parte dunha comunidade educativa moi importante e tes que buscar outros camiños. Cando me destinaron no ano 2004 ao CEP de Ventín e cheguei ao Milladoiro, quedei sorprendido por aquel colexio tan grande que había, e agora que marcho de Ventín, resulta que o colexio aínda medrou moito máis. Iso quere dicir que a poboación do Milladoiro nos últimos 20 anos medrou moito. No ano 2004 en Ventín había educación infantil e primaria e na actualidade non hai aulas de infantil, pero aínda así o número de alumnado multiplicouse. De cara ao próximo curso vai haber 26 aulas e a matrícula segue medrando”.

“Cando cheguei a Ventín resultoume curioso que había familias do Milladoiro que non coñecían este centro. Nos primeiro anos as familias matriculaban aos seus fillos en centros de Santiago. De repente comezamos a facer reunións coas familias de infantil do Milladoiro porque a veciñanza non coñecían o centro. A partir de aí comezou a incrementarse o numero de nenos e nenas escolarizados no centro o que provocou que houbese que montar dúas etapas en barracóns, dotar ao centro de ximnasio, dun pavillón, construír un comedor e conseguimos a xornada continuada. Algo moi importante tamén foi crear unha cominade educativa, para que non fose a ANPA por lado e os profesores por outro. Iso permitiunos facer reivindicacións para mellorar o centro, pero sempre unidos”.
 
Tamén destacou o apoio que ofrece o Concello a este centro e ao resto de colexios do municipio, apoio que fai posible o desenvolvemento duns servizos complementarios de educación e conciliación que fan de Ames un concello único e que son referencia en Galicia e incluso no resto do Estado.

Intervención das voceiras
A voceira de Ames Espazo Común, Luísa Feijóo, agradeceulle a Alfredo toda a dedicación que tivo con Ventín e sobre todo coa comunidade educativa de Ventín. “Soubo entender dende o primeiro momento a especialidade e maila riqueza que temos na contorna do Milladoiro. Durante os últimos anos non se pode falar de Ventín sen ter que falar de Alfredo. Recordo os seus inicios solicitando servizos para o colexio, dende aquel primeiro comedor instalado nunha aula, que tiña servizo de cátering, ata a construción do comedor. A partir de aí comezou a incrementar o número de nenos escolarizados no centro que trouxo as posteriores ampliacións do colexio. Alfredo sempre deu a batalla ao lado das familias, para que todos os nenos e nenas que querían escolarizarse en Ventín tiveses a súa praza, aínda que fose a costa de perder espazo e reestruturar o centro. Agradecerche todo o que fixeches por Ventín, polo Milladoiro e por todas as familias que pasaron polo centro”.

A voceira do Bloque Nacionalista de Ames, Natividade González, puxo en valor o traballo que “realizan os docentes pola impronta que xerades en moitos dos rapaces e rapazas que pasan polas vosas aulas. Creo que todos e todas tivemos ese mestre ou mestra que nos dixo algo, que a priori nos parecía insignificante, pero que cambiou o camiño das nosas vidas. Penso que temos que poñer máis en valor a figura do mestre, porque sodes desas persoas que cando mirades atrás vos sentides orgullosos de todo o camiño andado e porque formades persoas e facedes sociedade. Agora que che toca xubilarte, desfruta desta nova etapa”.

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, sumouse ao dito anteriormente polas compañeiras de corporación e dixo que “a pesar de que non te coñezo persoalmente si que te coñezo a través das familias do Milladoiro, porque es moi coñecido entre todas elas. Es un máis destas familias. Debes sentirte moi orgulloso porque tanto as familias como os rapaces e rapazas do Milladoiro falan moi ben de ti e iso é indicativo de que realizaches un gran traballo. Agora, desfruta da túa xubilación e estate orgullo por todo o que conseguiches”.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Recepción municipal ao director do CEIP de Ventín antes da súa xubilación"

O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos

Multimedia

  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos
  • O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Alfredo Rodríguez, director do CEP de Ventín durante dezaseis anos