- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, a primeira tenente de Alcaldía, Susana Señorís, e outros/as concelleiros e concelleiras da Corporación municipal realizáronlle unha recepción a Fernando Catro, que viviu en Bertamiráns durante a súa infancia e que concursou no programa Pasapalabra durante 84 programas. A dito acto amén foi convidada a década da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, María Elena Vázquez Cendón. Fernando Castro formou parte dunha das parellas máis competitivas do programa con 84 duelos e amosou unha gran capacidade para conciliar a súa carreira profesional coa participación en dito programa. Durante o transcurso do acto o rexedor municipal dixo que se estudarán distintas vías para que o Concello de Ames poida colaborar co programa Estalmat Galicia.
Fernando Castro viviu durante a súa infancia en Bertamiráns e foi concursante do programa Pasapalabra durante 84 programas. Está estudando o doutorado en Estadística e Xenética e traballa como investigador na USC. Pretende facer o posdoutorado en Berlín e fala 5 idiomas (galego, español, inglés, alemán e italiano). En 2018 recibiu o premio especial do xurado do certame universitario Arquímedes e participou na primeira edición do programa Estalmat. Tamén participou en 2021 no Foro de Laureados de Heidelberg en Alemaña, unha conferencia anual que reúne aos matemáticos e informáticos máis destacados da súa xeración, xunto con 200 investigadores seleccionados de todo o mundo.
No programa Pasapalabra formou parte dunha das parellas máis competitivas do programa con 84 duelos e defendeu sempre a necesidade de que a xente que se dedica a investigar teña uns salarios dignos e unhas condicións de traballo menos precarias. Tamén amosou durante a súa participación en Pasapalabra unha gran capacidade para conciliar a súa carreira profesional co programa.
O alcalde, Blas García, foi o encargado de abrir o acto de recepción no que fixo unha presentación de Fernando. “Con este acto queremos agradecerlle a Fernando que durante o seu paso polo programa sempre tivese presente as súas orixes en Ames, e en concreto en Bertamiráns. Pero ademais diso é un referente e un exemplo para moitos mozos e mozas porque estudou matemáticas e agora está co doutorado en Estadística e Xenética. Ademais traballa como investigador na Universidade de Santiago de Compostela e no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). É un pracer e unha satisfacción recibir a unha persoa tan sinxela e humilde coma Fernando. Agradecer, tamén, a presencia de Elena Vázquez Cendón, decana da facultade de Matemáticas”.
A década da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, María Elena Vázquez Cendón Elena, agradeceu o convite do Concello e que se lle fixera este acto de recoñecemento a Fernando, tanto polos vínculos que ten con Ames como potencial que ten. “Os antigos alumnos da facultade son os mellores embaixadores que temos. Fernando entrou de pequeno porque participou na primeira edición do Estalmat Galicia, agora el é profesor deste programa, ao igual que dá algunhas clases na facultade de matemáticas. Agradecerlle a difusión que fixo a través das súas camisetas no programa Pasapalabra. Deséxolle moitos éxitos”.
O alcalde entregoulle a Fernando Castro un libro con fotos de Ames, un exemplar do libro A Cancela da poetisa amesá, Filomena Fraga, e un prato coa “A” de Ames elaborada pola artesá Ana Rosa Lista que ten o seu taller en Ortoño.
Pechou o acto o protagonista do acto, Fernando Castro, que dixo “este é un deses momentos nos que penso que eu non merezo tanto, pero tamén sei que neste acto estou en representación de moitos valores, persoas, institucións, etc. É un gusto ser embaixador de tantas persoas. Teño que agradecerlle ao Concello de Ames que sempre estea involucrado na defensa da lingua e cultura galega, xa que aquí se fan políticas que noutros lugares non se aplican. Anímovos a seguir traballando nesta dirección. Continúo vindo por aquí a miúdo, polo que sego tendo vinculación con Ames”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El homenaje en Bertamiráns a Fer, exconcursante de «Pasapalabra» que pasó su infancia en esta localidad"
El Correo Gallego: "Ames se vuelca con su exvecino: el televisivo 'Fer' de Pasapalabra"