Pestanas principais

O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación

Xoves, 02 de maio de 2024

O alcalde de Ames, Blas García, recibiu esta mañá no Milladoiro á deputada de plans provinciais, Cristina García, e á deputada de Cultura, Natividade González, que presentaron o importe do Plan Único da Deputación que lle corresponde ao Concello de Ames. En dita visita tamén participaron concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Ao Concello de Ames correspóndenlle 1.938.093,19 euros, sumando o importe da fase inicial (979.500,37 euros) e o adicional (958.592,82 euros). Tamén visitaron as obras de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro que están sufragadas a través do POS+ 2022 da Deputación da Coruña.

O investimento do Plan Único en Ames forma parte do importe total contemplado en toda a comarca de Santiago, conformada polos Concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra, que chega aos 7.389.600,93 euros, incluíndo os 3.734.658,83 euros iniciais e os 3.654.942,10 euros adicionais.

Grazas a esta ferramenta de financiamento das obras e servizos municipais o Concello de Ames está executando actuacións como a ampliación da Casa da Cultura de Milladoiro, que visitaron esta mañá, e que forma parte do POS+ 2022 da Deputación da Coruña.

A importancia do Plan Único da Deputación
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “a importancia que teñen os fondos do Plan Único da Deputación, que lles permiten aos Concellos planificar dende comezos de ano os orzamentos e mailas actuacións que se van facer, porque sabemos de entrada que imos contar cunha contía económica fixa. En Ames, por exemplo, case todos os anos contamos con arredor dun millón de euros a principio de ano, que nos permite organizar o Plan Único e o Plan de Investimentos; pero tamén, ao longo do ano, contamos co Plan Adicional (que se aprobou este pasado venres). A maiores, contamos con outros convenios coa Deputación, que nos axudan a poñer en marcha numerosos proxectos”.

Blas García engadiu “gústame subliñar o importante que é saber a comezos de ano a contía coa que imos contar, porque é algo que botamos de menos por parte doutras administracións. Sempre pido que a Xunta de Galicia sexa máis equitativa á hora de facer o reparto cos Concellos, para que non teñamos que andar os alcaldes e alcaldesas petando nas portas das Consellerías para conseguir fondos. A  unificación que supuxo a creación do Plan Único é o modelo que debe tomar o goberno autonómico, para que cada Concello reciba os fondos cuns criterio obxectivos, que ao final será positivo para os municipios e, polo tanto, para a veciñanza”.

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios,  Cristina García Rey, aproveitou a visita a Ames para presentar os datos do Plan Único para o Concello de Ames e a comarca de Santiago. “Con este último Adicional que aprobamos, o Plan Único ascenderá a algo máis de oito millóns. Como ben dicía o alcalde, en 2017 desde a Deputación optouse por crear este plan, que pon o foco nos Concellos, dándolles máis autonomía porque son os que deciden en que se invisten os fondos en función da súa realidade. Tamén quero poñer en valor a cultura. O Plan Único non significa só investir en asfalto e formigón, senón tamén en cultura ou deporte. Non hai que esquecer que a cultura non trata só de planificar un programa de representacións, tamén implica investir en teatros, Casas da Cultura ou centros sociais”.

Por último, a deputada de Cultura, Natividade González, dixo “como deputada de Cultura, para min é un privilexio ver como, a través do Plan Único, certas infraestruturas culturais se benefician destes fondos, pois moitas veces son as grandes esquecidas. É moi difícil que só con achegas do Concello se realicen actuacións como as da Casa da Cultura do Milladoiro, pero o Plan Único facilita que estes proxectos se leven a cabo. Deste xeito, vemos como Ames segue sendo referente cultural, non só pola súa programación, senón tamén porque inviste nos espazos necesarios para levala a cabo”.

Ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro
Este proxecto foi adxudicado á empresa Nature Infraestruturas e Servizos SL por importe de 264.869 euros. O proxecto contempla a ampliación do espazo para construír novas salas de actividades, a habilitación dunha sala de lactancia, a creación dunha comunicación máis directa dende a beirarrúa ata o escenario do auditorio e diversas melloras na zona da cafetaría (aseos e almacén propios, ampliación da terraza e construción dun vestíbulo).

Na planta baixa da Casa da Cultura xerarase un espazo de 44 metros cadrados que se dividirá en dúas aulas: unha de 25,15 metros cadrados e outra de 19 metros cadrados. As estancias complementarán así as aulas xa existentes en dita planta. A fachada dos dous espazos estará conformada por carpintería de aluminio e vidro, mentres que as baldosas do chan serán de terrazo similar ao xa existente. Para as paredes empregarase pintura plástica con textura lisa e acabado mate, en colores suaves. Non se modificará o falso teito xa existente.

No soportal lateral ao corpo da cafetaría construiranse uns aseos e un almacén, xunto cun vestíbulo que sirva á saída de emerxencia do salón de actos (de arredor duns 46,50 metros cadrados). Deste xeito, o funcionamento da cafetaría será independente ao do resto do centro. A fachada dos aseos será ventilada, cun acabado con paneis tipo “viroc” ou similares. O chan, ao igual que nas aulas, compoñerase de baldosas de terrazo similar ao xa existente. Por outro lado, o teito será de xeso.

Proponse, ademais, incrementar a obra de pavimentación para articular a saída de emerxencia do auditorio, e ampliar o soportal da cafetaría uns 65 metros cadrados, cunha zona semicuberta cun toldo motorizado de estrutura fixa, para un mellor funcionamento do establecemento. As actuacións na planta baixa complementaranse coa realización dun vestíbulo que ille acusticamente a zona da cafetaría, e coa transformación do gardarroupa nunha sala de lactancia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames recibe más de 1,9 millones de euros dentro del plan Único de la Diputación"

El Correo Gallego: "Ames crea espacios culturales en O Milladoiro y ya tramita el tercer Plan Único más alto en la comarca"

El Correo Gallego: "Visita a la casa de la cultura de Milladoiro durante su reforma con fondos del Plan Único de la Diputación"

O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación

Multimedia

  • O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación
  • O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación
  • O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación
  • O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación
  • O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación
  • O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación