Pestanas principais

O Concello de Ames recibe ao alumnado do IES do Milladoiro gañador do X Club de Debate

Luns, 20 de xuño de 2022

Varios integrantes do Goberno municipal recibiron esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, ao equipo de debate do IES do Milladoiro “Xente que fala”, que o pasado venres 6 de maio proclamouse gañador da décima edición do Club de Debate. As oito alumnas e alumnos de 3º da ESO que asistiron á homenaxe recibiron os parabéns do Concello de Ames, que lles fixo entrega de dous agasallos.

O Concello de Ames realizou esta mañá unha recepción institucional a un grupo de nove alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES do Milladoiro, que participaron na décima edición do Club de Debate. Entre eles estaban sete dos oito integrantes de “Xente que fala”, o conxunto gañador do certame, máis outro alumno doutro dos grupos do IES que participaron no concurso. Deste xeito, os alumnos e alumnas que asistiron á recepción foron Mario, Sofía Paola, Breogán, Iria, Andrea, Diego e Marta, do grupo “Xente que fala”, acompañados de Nacho, do equipo finalista “1, 2, 3 Milladoiro”, así como do director do centro, Francisco José Otero. O oitavo membro de “Xente que fala”, Javier, non puido asistir á homenaxe.

O alumnado e o equipo docente do IES do Milladoiro vén de acadar unha gran actuación na décima edición do Club de Debate, na que representaron ao concello de Ames con dous equipos na final, disputada en Pontevedra o pasado venres 6 de maio. Neste senso, Ames foi o concello cun maior número de conxuntos participantes, cun total de cinco equipos (tres do IES do Milladoiro e outros dous do IES de Ames), nunha edición na que competiron once equipos mixtos formados por rapazada de 1º de Bacharelato e de 3º e 4º da ESO, de oito centros de ensino secundario dos concellos de Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra e Teo.

No acto de homenaxe, celebrado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, o alumnado foi recibido polo alcalde de Ames, Blas García, así como pola concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade, Escarlata Pampín; o concelleiro de Educación, David Santomil, e o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández. A representación do Goberno municipal congratulou á rapazada e fíxolle entrega de dous agasallos, unha caneca e o libro “Made in Galiza”, de Séchu Sende.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, deulle os parabéns aos rapaces e rapazas do IES do Milladoiro polo éxito acadado na décima edición do Club de Debate. “Este ano participaron sete concellos e Ames foi o concello con maior participación. Nesta edición contamos con cinco equipos, tres do Milladoiro e dous de Bertamiráns, e iso xa é moi positivo porque é un indicador claro do interese que esperta esta iniciativa entre o alumnado amesán. Esta é unha actividade pensada para o alumnado que fala e se sente cómodo co galego, pero tamén para a rapazada que habitualmente fala en castelán. O obxectivo é que eses rapaces e rapazas que habitualmente non falan en galego ne inicien na nosa lingua”. Ademais, Escarlata Pampín dixo que o Club de Debate “proporciona ferramentas para que poidades desenvolvervos en galego. Impártense unhas xornadas de formación a través das cales se ensina a mellorar as habilidades comunicativas que vos vai vir ben na vosa etapa académica e tamén na futura vida laboral”.

O director do instituto, Francisco José Otero Iglesias, deulle as gracias ao Concello de Ames por facer este acto e tamén pola colaboración que presta ao IES do Milladoiro. “O mérito do premio logrado e deles. Eu fun testemuña das tardes que adicaron para preparar os diferentes debates nos que participaron. Tamén ten moito mérito o traballo feito pola profesora de Lingua e Literatura Galega, Valentina Formoso, que realizou unha gran labor con este grupo de rapaces e rapazas e tamén coa labor de coordinación que realiza no departamento de normalización lingüística do instituto. Para nós é unha gran  satisfacción o traballo que realizaron estes rapaces e rapazas e sobre todo tendo en conta o contexto actual que non é o máis favorecedor para o emprego da nosa lingua”.

Pechou o acto o alcalde de Ames, Blas García, que destacou “hai dous obxectivos fundamentais: o primeiro é manter a lingua galega, que coñezades, debatades e faledes o galego, somos un concello que aposta dende sempre polo uso do galego, porque consideramos que é un dos tesouros máis prezados que temos no noso país, en especial nun entorno como o noso, como o do IES do Milladoiro, onde hai moitas persoas que viven con diferentes nacionalidades e procedencias. Outro dos obxectivos é que aprendades a debater, a falar en público, para que nun futuro aprendades a defender o que credes. E máis aquí no salón do plenos, onde nos xuntamos unha vez ao mes para debater e defender as nosas ideas, incluso ás veces defendendo posturas nas que non sempre coincidimos ao 100%”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El Concello vitorea al grupo del IES de Milladoiro que mejor debate en Galicia"

O Concello de Ames recibe ao alumnado do IES do Milladoiro gañador do X Club de Debate

Multimedia

  • O Concello de Ames recibe ao alumnado do IES do Milladoiro gañador do X Club de Debate
  • O Concello de Ames recibe ao alumnado do IES do Milladoiro gañador do X Club de Debate
  • O Concello de Ames recibe ao alumnado do IES do Milladoiro gañador do X Club de Debate
  • O Concello de Ames recibe ao alumnado do IES do Milladoiro gañador do X Club de Debate