Pestanas principais

O Concello de Ames recibe a través do plan PERTE máis dun millón de euros para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga

Martes, 20 de agosto de 2024

O Concello de Ames recibiu a resolución do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do Goberno de España, na que se notifica que se lle concede unha axuda de 1.131.309,77 euros para a execución do proxecto “Ames Digital Water” para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga. Deste xeito, a través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.499.727, 83 euros. O 75,43% do orzamento total será sufragado con fondos europeos, mentres que o 24,57% restante, 368.418,06 euros, serán sufragados con fondos municipais.

O Concello de Ames recibiu a boa nova de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico lle concede unha axuda de 1.131.309,77 euros, para desenvolver o proxecto de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga. A subvención concedida enmárcase dentro da orde do 22 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga (PERTE dixitalización do ciclo da auga, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que o proxecto “abarca o ciclo da auga na súa totalidade, e contempla tanto a modernización e dixitalización da rede como a mellora da comunicación e participación da veciñanza. Por exemplo, os veciños e veciñas poderán acceder a unha app para trasladar as incidencias relacionadas co ciclo, o que é un importante avance na mellora da participación e gobernanza”. Así mesmo, destaca que “esta subvención supón un gran impulso para o ciclo integral da auga do noso concello, especialmente par a empresa municipal que, con poucos meses en funcionamento, xa recibiu esta importante axuda para o seu desenvolvemento”.

Posto en marcha en xaneiro deste ano, e cunha duración prevista de 30 meses, esta iniciativa aspira a facer de Ames un referente na xestión municipal dos recursos hídricos a través da transformación dixital. Deste xeito, búscase mellorar a calidade de vida da veciñanza e fomentar a sostibilidade ambiental, así como fixar de poboación no concello.

Obxectivos
O obxectivo principal do proxecto é dotar ao municipio de servizos modernos e de calidade relacionados coa xestión do ciclo da auga. Así, a través da transformación dixital, Ames mellorará a eficiencia no uso dos recursos hídricos, garantirá a sustentabilidade ambiental e proporcionará á cidadanía un entorno favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos de vida.

En canto aos obxectivos específicos, destacan a dixitalización de infraestruturas hidráulicas (implantación de tecnoloxías avanzadas para controlar e xestionar a infraestrutura hidráulica do municipio, mellorando a detección e resposta ante posibles incidencias), a participación cidadá (desenvolvemento de plataformas dixitais para implicar á comunidade na toma de decisións sobre o uso responsable da auga, promovendo a concienciación ambiental e a corresponsabilidade), a  optimización do uso da auga (implantación de sistemas intelixentes para a xestión eficiente do abastecemento de auga, incorporando tecnoloxías que permitan axustar o abastecemento ás necesidades reais e promovendo o aforro), a formación e sensibilización (con programas de formación para persoal municipal e cidadáns, centrados no uso responsable da auga e no uso correcto das novas ferramentas dixitais), e a gobernanza colaborativa (establecemento de mecanismos de coordinación entre o Concello de Ames e as entidades supramunicipais para compartir coñecementos, recursos e boas prácticas na xestión da auga).

Actuacións previstas
“Ames Digital Water” recolle un gran número de actuacións clasificadas en tres grandes grupos: Planificación, mellora de eficiencia e dixitalización, e xestión da información.

As relativas á planificación comprenden dende plans variados como poden ser de emerxencia ante a seca, de xestión dos sistemas de saneamento,  uso da auga rexenerada e plans de protección civil fronte a inundacións. Por outra banda tamén se contemplan protocolos de vixilancia, plans sanitarios e de xestión do control de calidade así como estudos de diagnóstico e xestión de fugas e hidroxeolóxicos.

En cantos ás melloras a nivel de eficiencia e dixitalización levaranse a cabo actuacións melloras técnicas que repercutan nos sistemas de abastecemento, saneamento e tratamento de augas. Tamén se dixitalizarán as captacións, os sistemas de abastecemento, os sistemas de abastecemento, os de saneamento e depuración e os de vertido de augas residuais.

Por último, no referente á xestión da información, levaranse a cabo melloras nos portais web da administración, e desenvolveranse sistemas de información e ferramentas dixitais para a telexestión e o telemando das instalacións e das infraestruturas.

Ames, entre as 5 solicitudes galegas propostas como beneficiarias do PERTE
A resolución provisional da segunda convocatoria de subvencións do ano 2023 destinadas a proxectos  que melloren a eficiencia do ciclo urbano da auga, concédenlle a 50 propostas a nivel estatal a a axuda mencionada e Ames foi quen de meterse entre as 5 propostas galegas beneficiarias, cunha puntuación de 74 puntos.

As outras propostas galegas escollidas foron Servizos Urbanos Municipais de Arteixo SA, o consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro, a Agrupación de Concellos de A Cañiza, Melón, Mondaríz, Mondariz Balneario, O Carballiño e Maside, e o Concello de Ourense.

O proxecto pretende converter Ames nun referente na gobernanza da auga a nivel local, aproveitando as vantaxes da transformación dixital. Prevese mellorar a calidade de vida dos cidadáns, promover a sustentabilidade ambiental e fortalecer o arraigamento da poboación no municipio. Este enfoque integral busca crear un modelo replicable noutros contornos semiurbanos que se enfrontan a retos similares.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames recibe 1,13 millones para mejorar la eficiencia del ciclo integral del agua"

Lindeiros: "Ames recibe máis dun millón de euros para dixitalizar o ciclo urbano da auga"

El Correo Gallego: "Inversión millonaria en Ames para digitalizar el uso de agua con tecnologías en pro del ahorro"

O Concello de Ames recibe a través do plan PERTE máis dun millón de euros para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga