- Tematica
O Concello de Ames recibiu a resolución da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, na que se notifica que se lle concede unha axuda de 120.000 euros para a execución do proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial Novo Milladoiro. Deste xeito, mellorarase a mobilidade e seguridade viaria dentro do parque empresarial favorecendo o tránsito de persoas e aumentado as prazas de aparcamento dispoñibles. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 175.525 euros. O 68,37% do orzamento total será sufragado con fondos autonómicos, mentres que o 31,63% restante, 55.525 euros, serán sufragados con fondos municipais.
O Concello de Ames recibiu a boa nova de que a Consellaría de Economía, Industria e Innovación lle concede unha axuda de 120.000 euros, para desenvolver o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial Novo Milladoiro. A subvención concedida enmárcase dentro da orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
O alcalde de Ames, Blas García, indica que “mellorar a mobilidade do polígono empresarial é favorecer a actividade económica de Ames e esa é nosa función, facer que este concello medre día a día”.
As principais vías dentro do parque empresarial de Novo Milladoiro son a rúa das Hedras e a rúa das Palmeiras. Na actualidade, as rúas das Hedras, da Xesta e das Palmeiras contan con problemas recorrentes no estacionamento dos vehículos. O elevado volume de vehículos que acceden cada día a este polígono sumando á falta de espazo para estacionar, provoca as beirarrúas se atopen ocupadas por coches, dificultando o tránsito peonil.
Ante esta problemática, tendo en consideración o estudo de tráfico e mobilidade do parque empresarial, redactado en marzo de 2022, proponse a reordenación do tráfico rodado nas citadas rúas deste polígono industrial. O ámbito de actuación conta cunha superficie total de 9.550 metros cadrados (1.065 metros lineais). Para elo, prevese a supresión dun carril de circulación de xeito que estas rúas conten cun único carril de circulación con zonas de estacionamento regulado a ambas marxes.
Con esta reordenación do tráfico levarase a cabo a renovación da capa do firme coa extensión de 5 centímetros de aglomerado en quente tipo AC16 surf, previo fresado do firme existente. Ademais procederase ao correspondente pintado da nova sinalización horizontal e a instalación de sinalización vertical e balizamento conformado por fitos de polietileno.
O parque empresarial do Milladoiro conta con 323.000 metros cadrados de superficie e 180 naves ocupadas. O orzamento previsto para a execución deste proxecto é de 175.525 euros. O 68,37% do orzamento total será sufragado con fondos autonómicos da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, mentres que o 31,63% restante, 55.525 euros, serán sufragados con fondos municipais.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Novo Milladoiro tendrá más aparcamientos al convertir tres calles en vías de un sentido"