- Tematica
Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, asistiu ao acto de entrega de Premios de Calidade da Rede de Cidades Saudables da FEMP. En dito acto o rexedor municipal recolleu o Premio Nacional de Calidade 2021, que outorga a RECS a concellos de máis de 20.000 habitantes. O alcalde estivo acompañado da concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, e da técnica de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, que tamén asistiron á xornada do día anterior. O Concello de Ames recibe o premio na categoría de “Fomento de iniciativas que favorecen os estilos de vida saudables” por “Ames Saudable”, un programa que aglutina toda unha serie de actividades que fomentan os hábitos saudables, dun xeito transversal e buscando a equidade en saúde.
O Premio Calidade, outorgado pola Rede Española de Cidades Saudables, que Ames vén de recibir, súmase a outros recibidos polo Concello nos últimos tempos como o Premio Progreso da Federación Andaluza de Municipios e Provincias polos servizos de conciliación ou o recoñecemento de Ciudad de la Ciencia e Innovación polo proxecto Innov@mes. En outubro de 2020, o Concello presentou o programa “Ames Saudable”, como proposta ao Premio, que acadou a súa terceira edición. Posteriormente, en marzo de 2021 o Concello recibiu a boa nova de que a súa proposta foi premiada como Premio Calidade.
O fomento dunha alimentación saudable, a promoción da actividade física en todas as idades e a prevención de condutas aditivas con e sen sustancias, son os eixos sobre os que se sustenta o programa “Ames Saudable”. Na proposta ao premio da RECS, ponse de manifesto o feito de que o programa, dependente da Concellaría de Promoción da Saúde, lévase a cabo dun xeito transversal e buscando acadar a equidade no acceso a saúde. Tamén se destacou o papel enriquecedor e diferenciador que desempeña a técnica municipal en nutrición ligada á Concellería de Promoción da Saúde.
O proxecto “Ames Saudable”, dependente da Concellería de Promoción da Saúde, aglutina toda unha serie de propostas dirixidas a todas as idades e encamiñadas a dotar de información e recursos á cidadanía, e ten como fin último lograr un concello cada vez máis saudable e un maior benestar dos veciños e veciñas, fomentando a participación e estilos de vida saudables.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “é un gran recoñecemento para o Concello de Ames recibir premios por servizos que estamos a prestar. Este é un recoñecemento ao un proxecto que aposta por un estilo de vida saudable para veciñanza de Ames. O programa Ames Saudable engloba moitos servizos e actividades, que están desenvolvéndose actualmente e que tamén xa veñen de atrás. Este é un premio no que se recoñece unha boa práctica, para que a teñan en conta outros concellos”. Tamén tivo palabras de agradecemento para o anterior alcalde e actual delegado do Goberno en Galicia, Jose Miñones, xa que "foi el o que tivo a iniciativa de presentar o programa Ames saudable a ditos premios”.
A Asamblea Xeral da Rede Española de Cidades Saudables e mailo acto de entrega dos III Premios de Calidade desenvolveuse esta mañá no salón de actos do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid. Previamente na xornada de onte, a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, e maila técnica de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, participaron na IX Xornada de implementación local da estratexia de promoción da saúde e prevención no SNS. En dita xornada houbo diferentes presentacións estre as que destacan a guía para planificar cidades saudables; estratexia estatal da bicicleta; impulso á renaturalización urbana en España; así como diferentes experiencias municipais.
Fomento de estilos e hábitos de vida saudable
A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, explicou que “este programa comezou cunha reformulación da Concellería de Sanidade dotándoa de contido e vinculando a técnica en nutrición a este servizo. Con este cambio conseguimos darlle un papel específico na promoción da saúde, en prevención, tratamento e a rehabilitación de enfermidades, a través tanto dunha alimentación saudable como da realización de actividade física e a prevención de consumos, o cal sen dúbida redunda nun beneficio na saúde física e emocional individual e colectiva da nosa poboación. Desta forma, dáse paso á figura actual con funcións vinculadas á saúde pública (prevención e promoción da saúde), actuando sobre a poboación en xeral e coordinando dun xeito totalmente transversal as diferentes accións, e sobre todo garantindo que toda poboación, e en especial aquela que conta con menos recursos, poidan acceder a esta atención. Dende o departamento de Promoción da Saúde traballamos sempre dende a perspectiva de alcanzar a equidade en saúde”.
Ademais, Luísa Feijóo engadiu que “este premio é un gran recoñecemento ao traballo levado a cabo dende a Concellería de Promoción da Saúde nestes anos e mais se temos en conta que foi concedido por unha Rede que representa a 25 millóns de persoas, recoñecéndoo como unha boa práctica no fomento de estilos e hábitos de vida saudable. Un recoñecemento que compartimos co monitorado que é parte esencial das nosas actividades e sobre todo con todas as persoas que participan delas, facendo que este proxecto vaia medrando día a día e que nos dá impulso e forzas para seguir innovando, programando e traballando para seguir dando ferramentas para mellorar a nosa saúde física e emocional”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Premio Nacional de Calidad por los frutos del programa Ames Saudable"
AMS GO!: "O programa Ames Saudable consegue o Premio Nacional de Calidade 2021 para o Concello"