Pestanas principais

O Concello de Ames reforza a campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!” cunha nova campaña de publicidade no transporte público do Milladoiro

Sábado, 20 de febreiro de 2021

A Concellaría de Promoción Económica reforza a campaña para fomentar o comercio de proximidade denominada “Comercio de Ames. Témolo todo!” Nesta ocasión púxose en marcha unha campaña publicitaria no transporte público. Deste xeito, o lema de dita campaña pódese ver ata o 19 de marzo de 2021 no autobús número 3.270 que realiza a liña entre Santiago e O Milladoiro. Esta mesma campaña xa se realizou nunha liña de transporte urbano de Bertamiráns.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, reforza a campaña “Comercio de Ames. Témolo todo!” cunha nova acción de información e publicidade. Esta campaña, que comezou no pasado mes de marzo de 2020, leva desenvolvéndose preto dun ano para fomentar o comercio de proximidade.

A través desta campaña preténdese que os veciños e veciñas de Ames merquen nos establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro, xa que segundo se indica na propia campaña en ditos establecementos pódense atopar produtos, que van dende roupa e calzado ata artesanía, entre outros moitos sectores.

Para darlle visibilidade a esta iniciativa colocouse un cartel publicitario no autobús número número 3.270 que realiza a liña entre Santiago e O Milladoiro. Deste xeito, durante un mes (ata o vindeiro 19 de marzo de 2021) farase publicidade de dita campaña a través do transporte público. Esta mesma campaña realizouse dende mediados de decembro ata mediados de xaneiro nunha liña de transporte urbano de Bertamiráns.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “é unha campaña para tratar de fomentar que se fagan as compras nos establecementos locais. Agora máis que nunca é o momento de apoiar ao comercio local. En Ames podemos atopar de todo, por iso temos que poñer en valor o comercio local. Se mercamos en Ames iso tamén repercutirá na economía local, xerando postos de traballo e facendo que as empresas e comercios do concello medren”.

Esta nova iniciativa súmase a outras accións que se realizaron ao redor desta mesma campaña como foi a elaboración dun vídeo promocional, dun spot publicitario, do reparto de 6.000 bolsas entre os establecementos comerciais para entregar á clientela, e a colocación dos carteis da campaña nos minipuntos limpos que están situados nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro.

Campaña Merc@mes
Ademais, o vindeiro 1 de marzo comezará o prazo para que a clientela adquira as tarxetas bono da campaña Merc@mes. Calquera persoa, residente ou non, no concello de Ames, pode adquirir os bonos que se poñerán a venda a partir do mesmo día 1 de marzo en Bertamiráns e no Milladoiro, tan só presentando o DNI, que o acredite como maior de 18 anos. Asemade, tamén se poderán mercar estes bonos nas carpas informativas que o Concello ten previsto instalar os días 5 de marzo, na rúa Travesa do Milladoiro e o día 6, na praza da Maía de Bertamiráns. Un total de 171 establecementos adheríronse á esta campaña coa que se pretende valorizar e impulsar as compras no comercio local.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Publicidade para o comercio amesán no autobús de liña"

Púxose en marcha unha campaña publicitaria no transporte público do Milladoiro.

Multimedia

  • Púxose en marcha unha campaña publicitaria no transporte público do Milladoiro.
  • Cartel da campaña Comercio de Ames. Témolo todo!