Pestanas principais

O Concello de Ames reitera o compromiso cos clubs deportivos do concello e organiza o V Día do Deporte en Milladoiro o 9 de setembro

Luns, 04 de setembro de 2023

O Concello de Ames, a través da concellería de Deportes, organiza un ano máis unha ampla oferta de actividades no Día do Deporte, que se celebrará este sábado, día 9, na área deportiva do Milladoiro de 11:00 a 14:00 horas. Preme aquí para consultar o programa

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, sinala que “un ano máis está en marcha o Día do Deporte, unha iniciativa dirixida aos amesáns e amesás de todas as idades, que poderán gozar de propostas deportivas axeitadas a todos os gustos. Con esta xornada poñemos en valor a importancia de manterse activos e de realizar actividades saudables, e facemos fincapé no compromiso que existe cos clubs do noso concello”.

A veciñanza poderá gozar de actividades dirixidas como aerozumba, spinning ou baile moderno, así como de piragüismo, atletismo, xadrez, tenis, golf e crocket, patinaxe, baloncesto, fútbol sala, judo e taekwondo. As persoas que participen en cinco desas actividades recibirán un agasallo na carpa de participación.

Trátase dunha xornada de actividades lúdicas que melloran a calidade de vida de quenes practican estes deportes. Ademais, non só é beneficioso para pór en forma o corpo, senón tamén para prever enfermidades como as coronarias, e incrementar a autoestima e o optimismo. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de probar e escoller a que máis lles guste no Día do Deporte de Ames.

Actividades do Día do Deporte
A quinta edición do Día do Deporte terá lugar este sábado, 9 de setembro, na área deportiva do Milladoiro. Ofrécese unha extensa oferta deportiva que se ofertará ao longo de tres horas, repartidas en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas.

Deste xeito, no aparcadoiro da área deportiva terán lugar as actividades dirixidas: aerozumba (de 11:45 a 12:30 horas), spinning (de 12:30 a 13:15 horas) e baile moderno (de 13:15 a 14:00 horas). Por outro lado, na piscina descuberta haberá piragüismo, de 11:00 a 14:00 horas, mentres que na pista exterior se desenvolverán actividades de atletismo (de 13:00 a 14:00 horas).

Tamén haberá xadrez, de 12:00 a 14:00 horas, na entrada do pavillón; e tenis, de 11:00 a 13:00 horas, na pista exterior. O golf e o crocket impartiranse de 12:00 a 14:00 horas na zona verde, mentres que a patinaxe terá lugar de 11:00 a 12:00 horas no pavillón polideportivo. No mesmo emprazamemento haberá baloncesto, de 12:00 a 14:00 horas.

A actividade de fútbol sala desenvolverase na pista de fútbol sala, de 12:00 a 13:00 horas; e o judo será de 13:00 a 14:00 horas, no ximnasio do pavillón. Para rematar, tamén no ximnasio, haberá judo, de 11:00 a 12:00.

Todas as persoas que participen en, polo menos, cinco actividades, recibirán selos que lles permitirán recibir un agasallo na carpa de organización.

Cartaz do Día do Deporte

Multimedia

  • O Concello de Ames reitera o compromiso cos clubs deportivos do concello e organiza o V Día do Deporte en Milladoiro o 9 de setembro
  • O Concello de Ames reitera o compromiso cos clubs deportivos do concello e organiza o V Día do Deporte en Milladoiro o 9 de setembro