Pestanas principais

O Concello de Ames reivindica os oficios ligados ao monte coa II Feira “Tanto monte, monte tanto”

Venres, 28 de outubro de 2022

Ames acolle este sábado, 29 de outubro, a II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”. O evento, que busca recuperar os oficios ligados ao monte, celebrarase na parroquia de Trasmonte. O Concello de Ames pretende con este evento valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte galego. A Feira presenta unha proposta ampliada respecto da primeira edición, con expositores de produtos ligados ao monte, entre outras actividades. Durante o evento realizarase unha obra colectiva de cestería natural.

A Feira abrirá as súas portas ás 11:30, ofrecendo aos visitantes unha feira que duplica a participación con respecto á anterior edición. Entre os expositores, destacan sectores como a apicultura, cestería, cereais, medicina natural, o porco celta, aceites e cogomelos. A isto súmanse obradoiros e exposición sobre os produtos obtidos do monte galego.

Os sectores implicados na feira
O porco celta estará presente con CienPorCel, unha empresa de Cenlle que cría e comercializa produtos de porco celta en liberdade e alimentados con cereal ecolóxico.

O sector do aceite estará presente grazas á ourensá Aceites Abril, en activo dende 1962, e Ouro de Quiroga, que impulsa especies singulares desde a época dos romanos como as variedades galegas Mansa e Brava.

Viveros Boibel presentará os seus servizos forestais e agrícolas, coa súa empresa creada en Frades por un grupo de mozos do rural galego formados en áreas científico-técnicas. Pola súa parte, Hifas Foresta mostrará o seu labor na investigación do sector forestal, paisaxismo e restauración ambiental.

Julia de la Cal é a artesá detrás da cestería La Parabólica, que emprega materiais naturais, sostibles e locais. Durante a feira, os participantes poderán participar nunha obra colectiva de cestería.

A Asociación Galega de Apicultura (Arzúa) e Berries Galicia (A Estrada) poñen en valor a calidade de produtos galegos como o mel e os froitos vermellos. Dende Negreira acudirá a panadería Xallas, na que catro xeración de panadeiros manteñen intacta a tradición dos pans de calidade.

Os cogomelos tamén estarán presentes cunha importante exposición de 12.00 a 13.00 e unha charla de 17.00 a 18.00 por parte da Asociación Estrada Micolóxica.

Tamén se habilitará un stand sobre a horta ecolóxica da aldea modelo de Osmo, en Cenlle. A IXP Castaña de Galicia disporá dun posto no que ofrecerá información sobre a historia e tradición da castaña en Galicia.

Ademais, ofrecerase un obradoiro cooperativo de 11.30 ás 19.00, así, durante toda a xornada os visitantes elaborarán unha gran folla que quedará no Concello de Ames como recordo.

Showcooking e presentación de Fisterra Bovine World
Entre as 13.30 e as 15.00 organizarase a presentación de Fisterra Bovine World, en colaboración con Discarlux e a Deputación da Coruña. A actividade incluirá un showcooking, invitarase a probar os pratos e ofrecerase unha visita guiada do proxecto, explicando os distintos métodos de cría da carne destinada a produtos gourmet. A iniciativa vén de recibir o premio á mellor chuleta de España.

Ademais, a Deputación da Coruña conta cun stand propio no que presentarán a campaña “Unha provincia que sabe”, na que se ofrecerá un showcooking.

Completan o programa dous proxectos propios do Concello de Ames, un deles sobre a repoboación de faixas de protección de incendios con autóctonas caducifolias e outro sobre a recuperación de camiños do monte. Estas exposicións inclúen ademais un viveiro de planta forestal.

Servizo de autobús
Ofrécese servizo de autobús para acudir ata o campo da festa de Trasmonte. Haberá dous horarios de saída dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 12.00 horas e ás 16.30 horas aproximadamente) e dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (ás 12.15 e ás 16.45 horas). Para volver dende Trasmonte haberá tres horarios distintos: ás 14.30 horas, 16.00 horas e 19.00 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Vuelve la Feira do Monte sobre oficios a Trasmonte reforzada con expositores"

AMS GO!: "A II Feira 'Tanto monte, monte tanto' reivindica os oficios ligados ao monte"

Cartaz da II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto"

Multimedia

  • Cartaz da II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto"
  • Programación da II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto"
  • Información sobre o servizo de autobús da Feira do Monte