- Tematica
O acto do Día de Galicia de Ames converteuse nunha oda ao galego, nun canto á nosa lingua, ao noso idioma, á nosa fala. Todas e todos cantos tomaron a palabra onte, no Pazo da Peregrina, foi para louvar a nosa lingua e para pedir que a coidemos. O mesmo Ramón Lorenzo sentenciou dicindo que Galicia existe grazas ao galego e rematou co desexo de que o galego volva ser a lingua dominante da súa infancia.
Alén do meu amigo, esa foi a cantiga escollida polo Grupo Barahunda para iniciar o acto de celebración do Día de Galicia en Ames. O dúo madrileño puxo coa súa voz e a súa música a nota musical a un acto cheo de galeguidade, unha galeguidade que eles mesmos demostraron co seu amor pola nosa lingua e pola nosa terra.
O xornalista de AmesRadio, Juan Luís Silva, foi o encargado de conducir o acto. Dun xeito brillante achegounos ao legado e á figura de Ramón Lorenzo a través dun dos seus poemas “Levade todo, tódalas sensacións e a min deixádeme, deixádeme ollando a miña paisaxe, deixádeme na noite pois quero percurar o que me fuxe.”
A continuación, os grupos que conforman a corporación municipal de Ames tomaron a palabra para manifestar o seu amor pola nosa lingua, sen esquecer, a figura do poeta e catedrático Ramón Lorenzo.
José Ramón Oulego, de Ciudadanos, versionou a Manuel María preguntándose que é ser galego ao que respondeu que para el Galicia é sinónimo de liberdade. Quique Costas, de Ames Novo, tinguiu as súas verbas baixo a Miña matria Galicia, de Celso Emilio Ferreiro. Genma Otero, de Contigo Podemos, agradeceulle a Ramón Lorenzo levar o nome de Ames polo mundo e dar a coñecer a nosa lingua. David Santomil, do BNG de Ames, acordouse de Eirapedriña, a vila natal de Ramón Lorenzo, e louvou o xeito de vida nos núcleos rurais tradicionais. A voceira do PP de Ames, Oliva Agra, soñou con que dentro de dous mil anos os nosos sucesores sigan presumindo de ser galegos. E para rematar Luísa Feijóo, do PSOE de Ames, elixiu a Rosalía e ao soia vou por leña ó monte, soia a vexo arder no lar para reivindicar que o Día de Galicia sexa todos os días do ano.
Co solpor chegou un dos momentos máis emotivos da tarde, a quenda da filla e do neto do homenaxeado. Amaia destacou o compromiso e a entrega do seu pai pola lingua e pola terra e recalcou como o catedrático foi quen de trasladarlle o seu amor pola lingua. Un amor pola lingua que chegou ao seu neto, Fabián, con 13 anos, fala á perfección o galego pese a vivir en Alemaña. O cativo, recoñeceu que lle gustaría pasar máis tempo co seu avó pois a el úneo a súa paixón por pasear e polo fútbol.
Para o final do acto quedaba a entrega da medalla do Concello de Ames a Ramón Lorenzo. O alcalde de Ames, Blas García, tomou a palabra cun desexo: que sintamos orgullo de ser galegos e galegas todos os días do ano; orgullo da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa idiosincrasia, do noso patrimonio e do noso acento. Blas García continuou rendéndolle esa merecida homenaxe ao estudoso da lingua galega “Coñecemos que fuches premiado en diferentes ámbitos, máis faltaba o recoñecemento do teu fogar: a medalla do Concello de Ames como mostra de agradecemento polo bo traballo feito e polo que aínda segues a facer”, ao que engadiu “Grazas por ter levado sempre o nome de Ames contigo, dende Castela ate Colonia, porque si de algo sabemos que sentes orgullo é da túa terra”.
Ramón Lorenzo subiu ao escenario, recolleu a medalla e trasladouse a súa infancia. “Lémbrome de cando era pequeno e ía andando dende Eirapedriña ata Bertamiráns ou cando ía a casa do meu tío a Roxos cruzando a fermosa Ponte Cabirta, tamén, me lembro de ir ao Instrumento e baixar ata o río impresionado pola beleza dos muíños”. O catedrático proseguiu “Boto de menos a Galicia da miña infancia e da miña xuventude cando o galego era unha lingua potente e xenerosa, cando percorrías Galicia e a xente falaba galego”. E o homenaxeado sentenciou “Galicia existe porque existe o galego senón non ten razón de ser, agardo esa revolución para que o galego volva ser a lingua dominante da miña nenez”.
Entre o aplauso dos asistentes a esa oda á nosa lingua comezou a soar o Himno de Galicia. As gaitas dos Retranqueiros de Ames puxeron a nota final ao acto do Día de Galicia do Concello de Ames, un acto que non puido máis que enaltecer a nosa lingua.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Oda ó galego na homenaxe a Ramón Lorenzo en Ames"
Revista AmesGo: "Ames rendeu homenaxe ao galego e ao seu gran defensor Ramón Lorenzo"
La Voz de Galicia: "Ramón Lorenzo recibe la medalla del Concello de Ames"
La Voz de Galicia: "Homenaje en Ames a Ramón Lorenzo"