Pestanas principais

O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar no Día de Galicia

Luns, 01 de agosto de 2022

O Concello de Ames celebrou o pasado venres, 29 de xullo, o Día de Galicia. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns foi o escenario dun acto de celebración da galeguidade e, ao mesmo tempo, dun acto de recoñecemento á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar. O Concello fixo entrega a Otero Espinar da medalla do Concello de Ames acompañada da Corporación municipal, achegados e veciñanza. Prema aquí para consultar a galería fotográfica do Día de Galicia.

O grupo As Lens, formado polo piano de Juanma Varela e o violín e a gaita de Fernando Docampo, foron os encargados de poñer o acento musical ao acto do Día de Galicia en Ames. Un acto co que o Concello de Ames quixo, neste 2022, conmemoralo día de Galicia, o día das galegas e dos galegos, e ao mesmo tempo, renderlle homenaxe a María Victoria Otero Espinar.

O acto comezou coas intervencións dos grupos que conforman a corporación municipal de Ames. Os voceiros e as voceiras tomaron a palabra para manifestar o seu amor pola nosa terra e á nosa lingua, sen esquecer, a figura da matemática galega María Victoria Otero Espinar.

José Ramón Oulego, de Ciudadanos, quixo poñer en valor a capacidade dos galegos e das galegas de superar as adversidades “Unha das características dos galegos e das galegas, dende sempre, é que somos unha xente que amosou resiliencia; esa capacidade de sobrepoñernos ás adversidades. Ademais de ter unha gran capacidade de traballo que é recoñecible en calquera lugar do mundo, vaias a onde vaias sempre se recoñece a valía e o traballo dos galegos e das galegas”.

Quique Costas, de Ames Novo, versionou a Ramón Cabanillas para trasladar o seu concepto de matria galega “Hoxe é o día da matria, termo que emprego no sentido platónico da palabra, como esa entidade común que alumeándonos nos fai ser quen somos, galegos e galegas, xente que temos un sentido de pertenza, que nos identificamos nunha nación e como tal nación somos un suxeito colectivo de dereitos e arelas, unha matria que non quere vivir no desprezo da súa identidade nin no impedimento do seu progreso”.

Genma Otero, de Contigo Podemos, agradeceulle a María Victoria Otero Espinar a súa aportación ao mundo das matemáticas e o seu traballo por visibilizar o talento das mulleres. “Durante moitos anos as institucións e os poderes públicos esqueceron e invisibilizaron a moitas mulleres; mulleres que viviron no esquecemento sen poder compartir o seu coñecemento, a súa profesionalidade e súa xenialidade. En Ames estamos moi ilusionados de que nos representes, agradecidos por esa labor social de achegamento das matemáticas á sociedade e, sobre todo, orgullosos de que sexas unha muller valente, brava, desas mulleres que cambian a historia.”

Natividade González, do BNG de Ames, comezou lembrando o histórico discurso “Alba de Gloria” de Castelao para expresar un desexo “Aspiramos a ser un país dono do seu destino, garantindo o futuro do noso país, que nos permita traballar dignamente na nosa terra e que nos permita recuperar a todos eses mozos e mozas que se viron obrigados a marchar. Queremos poder vivir en Galicia do noso traballo, queremos usar a nosa lingua en todo momento e en todo lugar, queremos manter unha cultura do noso á vangarda dos tempos e, ao mesmo tempo, respectuosa coas tradicións e co patrimonio”.

A voceira do PP de Ames, Oliva Agra, versionou a Florencio Delgado para definir o que é ser galego e, ao mesmo tempo, dar conta da importancia do Camiño de Santiago. “Ser galego non é simplemente estar en Galicia se nón compartir valores. Uns valores que chegaron de Europa a través do Camiño de Santiago. O Xacobeo transforma ao estranxeiro en peregrino e as rutas que se dirixen a Santiago son coma un río onde os camiñantes ao atravesar o Pórtico da Gloria adquiren unha nova nacionalidade que os une para sempre; aceptando aos diferentes, unindo fronteiras, facendo posible a suma de identidades logrando que as linguas unan en vez de dividir. Desexo que eses valores non deixen nunca de estar vixentes”.

Luísa Feijóo, do PSOE de Ames, quixo versionando a Manuel María trasladar a idea de que Galicia somos todos os galegos e todas galegas “Hoxe é un día para festexar, para homenaxear á Galicia nai. Unha terra de mulleres fortes, sabias, mulleres labregas lavandeiras, gandeiras, mulleres do rural. Das nosas redeiras, das nosas mariscadoras, as mulleres do mar. Das mulleres lideresas que abandeiran proxectos, investigacións ou empresas. Mulleres académicas que levan o nome da nosa terra polo mundo enteiro”.

Co solpor chegou un dos momentos máis emotivos da tarde, a quenda do irmán da homenaxeada, Pedro Antonio Otero Espinar, quen quixo agradecer a iniciativa do Concello de Ames por recoñecer o labor dos veciños e veciñas. “Para min con actos coma este trátase de poñer en valor ás persoas que conforman o municipio, ó seu labor, a súa contribución á mellora da sociedade e da vida da veciñanza. En definitiva, trátase de engrandecer o concello a través das persoas que viven nel e iso chámase facer cidadanía, algo que non é fácil”. A continuación o irmán de María Victoria destacou as cualidades que a levaron ao éxito “a primeira é a súa identidade, froito da educación e do exemplo dos nosos pais ao trasladárenlle a idea de que con constancia, traballo e confianza podía chegar a onde quixera. A segunda cualidade é o talento; unha capacidade innata para as matemáticas e para compartir e transmitir o que a converte nunha profesora con maiúsculas. E en terceiro lugar a decisión, xa que, ao longo da súa vida sempre soubo elixir as opcións acertadas, rodearse das persoas adecuadas e deixarse aconsellar por aquelas máis próximas; todo para medrar como persoa e profesional.”

Para o final do acto quedaba a entrega da medalla do Concello de Ames a María Victoria. Antes o alcalde de Ames, Blas García, tomou a palabra para destacar os logros acadados por María Victoria ao longo da súa vida pero, tamén, para manifestar o seu orgullo por pertencer ao concello de Ames. “Este Val da Maía é un territorio acolledor que ten algo de astrofísico, porque veu nacer e medrar a moitas estrelas, sendo a que máis brilla e brillará a nosa Rosalía de Castro. Á Rosalía insigne, súmanse as persoas que xa contan co recoñecemento que hoxe outorgamos. María Victoria Otero Espinar é a última estrela que se suma a esta constelación amesá que pouco a pouco, vai deixando a súa estela no espazo galego”. E engadiu “Sintamos orgullo deste Ames, orgullo por pertencer a este municipio enclavado no fermoso Val da Maía, concello máis mozo da Comunidade galega e referente e punteiro en moitos eidos da innovación. Orgullo do Ames urbano e innovador e das nosas parroquias do rural, nas que aínda pervive a gandería e a agricultura que tanto caracterizan as nosas raíces galegas. Orgullo dun Ames multicultural, diverso, sempre cos brazos abertos para acoller baixo a súa ala a tantos novos e novas amesás. Un Ames no que colle toda Galicia e calquera outra parte do mundo alén das nosas fronteiras. Esa Galicia que, como dicía Celso Emilio, “é un país pequeno, pero chega ata as estrelas”.

A continuación María Victoria subiu ao escenario, recolleu a medalla e, moi emocionada, agradeceu este recoñecemento. “Sinto unha gran emoción porque este é un recoñecemento que me fan os veciños, pois non hai cousa mellor que che aprecie a xente que está ao teu redor e como me dicía un amigo meu este recoñecemento vale dobre que ser profeta na terra é moi difícil”. E engadiu “Este é un premio por facer algo que me gusta, teño o privilexio de traballar en algo que me fai desfrutar moito. Síntome feliz dando clase, desfruto coa investigación e tamén son feliz facendo xestión. As matemáticas están en auxe pero non sempre foi así e este cambio débese á divulgación e a que os matemáticos saísemos á rúa”. A homenaxeada rematou o seu discurso gabando ao concello que a acolleu hai 29 anos “Grazas ao concello de Ames, un concello que me acolleu cos brazos abertos, un concello no que botei raíces e que levo no meu corazón, un concello onde naceron e medraron os meus fillos. Vivimos no rural e gústanos Ames para pasear, desfrutar cos amigos, o ambiente que se respira e, sobre todo, a súa veciñanza; Ames é un concello de grandes veciños e veciñas como Filomena Fraga, Ramón Lorenzo ou Maximino Viaño ... eu síntome pequena entre todos eles pero intentarei estar á altura”. Para rematar lembrouse dos seus pais, da súa familia, dos seus amigos e dos colegas sen os “que non estaría aquí”.

Entre o aplauso dos asistentes comezou a soar o Himno de Galicia. A gaita e o piano do grupo As Lens puxeron a nota final ao acto do Día de Galicia do Concello de Ames, un acto co que o Concello de Ames quixo amosar o seu orgullo pola nosa lingua, pola nosa cultura, polo noso patrimonio e polas nosas xentes.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La matemática María Victoria Otero Espinar recibe la medalla del Concello de Ames"

El Correo Gallego: "Otero Espinar agradece la medalla del municipio que hace casi 30 años la acogió"

AMSGO!: "O Día de Galicia de Ames recoñece á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar"

O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar

Multimedia

  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar
  • O Concello de Ames rendeulle homenaxe á prestixiosa matemática María Victoria Otero Espinar