Pestanas principais

O Concello de Ames renova a sinatura da cesión á Aula da Natureza de dúas fincas forestais de Trasmonte

Venres, 11 de marzo de 2016

[11-03-2016] O Concello de Ames renovou esta semana a sinatura do convenio do Programa Escolar de Valorización do Monte e de Prevención de Incendios Forestais, iniciativa pioneira deste tipo en Galicia. No marco deste convenio o Concello pasa a xestionar dúas fincas do lugar de Carballo, da parroquia de Trasmonte, pertencentes a dúas veciñas amesás: Socorro García e Fina Casas. A Aula da Natureza retomará as actividades nestas fincas, tras un tempo de suspensión das mesmas, dentro do curso de poda forestal que ten lugar esta fin de semana. Neste espazo terá lugar ademais a conmemoración do Día da Árbore, que se celebra cada 21 de marzo.

Tralos incendios de 2006 as fincas de Socorro García e Fina Casas, como moitas outras en Galicia nese ano, quedaron devastadas polo lume. Dous anos despois, en 2008, as veciñas chegaron a un acordo co Concello de Ames. Coa posta en marcha do Programa Escolar de Valorización do Monte e de Prevención de Incendios Forestais a Aula da Natureza de Ames supervisaría o traballo de alumnos e alumnas dos centros escolares, que se encargarían de axudar a limpar e reforestar as fincas.

O convenio fixaba tamén as principais actividades educativas a desenvolver dentro deste programa. Entre elas a plantación a marco de frondosas caducifolias, a plantación dunha mostra representativa de árbores autóctonas de Galicia e propias do concello de Ames, o estudo do crecemento e a poda das árbores plantadas e a aprendizaxe sobre os aproveitamentos complementarios do monte. Os propios nenos e nenas amesáns comprobaron cos seus ollos a evolución dun monte que eles e elas mesmos axudaron a recuperar. O alumnado foi o encargado de limpar os restos da vexetación queimada, de abrir os regos, abonar a terra e plantar as árbores.

Entre os obxectivos do convenio está o de analizar os efectos dos incendios forestais, aprender aos rapaces e rapazas a distinguir os distintos tipos de especies forestais ou o de aplicar modelos sostibles de planificación forestal. Nos tres primeiros anos de proxecto, entre 2008 e 2010, acudiron ás excursións, charlas e obradoiros 1600 alumnos e alumnas ao longo de cada un dos cursos escolares. Na actividade implicáronse todos os centros escolares de Ames. A iniciativa reactivarase na actualidade coa nova prórroga acadada polo Concello esta semana.

A segunda renovación do convenio non foi asinada no seu momento, polo que as actividades mantivéronse un tempo paralizadas. Este sábado 12 de marzo, as fincas acollerán de novo un obradoiro organizado pola Aula da Natureza, que quere implicar a toda a veciñanza na conservación das fincas. Serán os vinte asistentes ao curso de poda forestal os que se desprazarán até as parcelas para levar nelas o aprendido á práctica.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Retoman el trabajo en fincas del Aula da Natureza"