Pestanas principais

O Concello de Ames renova un ano máis o convenio con Forem Galicia para a realización de prácticas no Concello por parte de alumnos desta fundación de CC.OO.

Martes, 24 de setembro de 2013

[24-09-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou un curso máis coa directora de Forem Galicia, Mª Luisa Estalote, un acordo para a realización de prácticas laborais no Concello. En virtude deste convenio, os alumnos/as remitidos por dita fundación para a formación e o emprego, dependente do sindicato CC.OO. levarán a cabo un total de 120 horas de prácticas.

O acordo alcanzado polo Concello e Forem Galicia establece que os alumnos, que, entre outras accións formativas, realizaron un curso de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, levarán a cabo un total de 120 horas de prácticas. Neste caso, realizarán traballos relacionados coa electricidade, dando apoio á brigada de obras municipal.

O rexedor amiense destacou que este convenio enmárcase “na aposta do Concello pola colaboración con diferentes entidades na formación para o emprego neste difícil momento económico”. Santiago Amor destacou que esta “é unha prioridade na axenda do Concello”, recordando que tamén nestes meses se están desenvolvendo no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova as accións formativas específicas do programa Rede Xiana 2 para a obtención de certificados de profesionalidade. Neste programa participan un total de 18 persoas desempregadas que realizan a acción formativa de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión.