- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o gasto de 55.032,58 euros, correspondente ao importe da primeira remesa de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polos clubs e asociacións deportivas do Concello de Ames, no exercicio 2018. Dentro desta convocatoria de axudas foron subvencionadas as diferentes actividades realizadas, así como a adquisición de material inventariable. Un total de 16 clubs ou entidades deportivas foron beneficiarias desta liña de subvencións.
O Concello de Ames vén de facer público un primeiro reparto das axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polos clubs e asociacións deportivas do Concello de Ames, no exercicio 2018. Dentro desta convocatoria de axudas foron subvencionadas as diferentes actividades realizadas, así como a adquisición de material inventariable. En total repartíronse 55.032,58 euros entre 16 clubs do concello.
Ás axudas para a promoción de actividades deportivas puideron optar todas aquelas asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, que figurasen inscritas no rexistro municipal de asociacións cos seus datos actualizados, sen obrigas tributarias pendentes e coas xustificacións de axudas municipais anteriores presentadas. Deste xeito, finalmente optaron a esta liña de subvencións 16 clubs e asociacións, a totalidade das cales obtivo unha axuda de diferente importe económico.
Entre os criterios que se valoraron á hora de determinar a contía outorgada a cada asociación están a participación en competicións, o número de equipos e categorías e o número de persoas beneficiarias. Así mesmo, tamén se tiveron en conta as solicitudes de subvencións a outros organismos públicos, a organización e colaboración en eventos deportivos organizados ou promovidos polo Concello, a promoción do deporte feminino e o fomento da lingua galega. Os criterios, así como a xeneralidade das bases, foron consensuados no Consello Municipal de Deportes.
Asociacións e clubs beneficiarios das axudas
O Club de piragüismo Ribeiras do Tambre obtivo a través desta convocatoria de axudas 7.676,47 euros. A mesma contía foi outorgada ao Club de atletismo Millaraio. O Club de patinaxe artística Omega recibiu, pola súa banda, unha subvención de 6.352,94 euros, mentres que a Asociación deportiva Basquet Ames recibiu 5.117,65 euros.
Da mesma maneira, o CV Bruxas obtivo 5.823,53 euros de subvención. Unha cifra algo superior aos 4.235,29 euros recibidos polo Club de Atletismo Sar. O Fútbol Club Meigas recibiu 3.882,35 euros e o CD Karate Ames 882,35 euros. O Club Baloncesto Ames obtivo 1.323,53 euros.
A cantidade concedida á Sociedade de Caza e Pesca Azor foi de 2.647,06 euros e a que se outorgou ao Biduído SR de 1.764,71 euros. O Motoclub Ameixenda recibiu, pola súa parte, 1.676,47 euros e a Asociación deportiva Val da Maía 1.941,18 euros. Por último, os Veteranos Ames percibiron unha axuda de 882,35 euros; a Asociación Galega de Ciclistas tamén concorreu, obtendo 827,80 euros; e o Club Deportivo Rutas a Pie obtivo 2.322,43 euros.
Dobre financiamento para as actividades deportivas
Na actualidade quedan pendentes de xustificación varias entidades deportivas que deben entregar diferente documentación para optar ás axudas. O Concello ten destinada unha partida de 75.000 euros para a promoción do deporte a través destas entidades e despois deste primeiro reparto quedan preto de 20.000 euros para financiar aos clubs pendentes.
O incremento do 50% que o goberno levou a cabo nesta liña de subvención hai dous anos permite cubrir o correspondente incremento de entidades deportivas, así como o aumento de actividades que se desenvolven cada ano. Nesta anualidade o goberno decidiu adiantar o pago a aquelas entidades que xa tiñan toda a documentación en orde e así avanzar eses cartos a estas entidades.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, informa que “na vindeira anualidade levaremos un dobre financiamento para as actividades deportivas promovendo por un lado o deporte federado, cunha contía de 50.000 euros, e por outro actividades e eventos deportivos, a través dunha liña de 25.000 euros, procurando así apostar máis polo deporte amesán”.
Ligazóns:
La Voz de Galicia: "Ames aprueba el pago de ayudas a entidades deportivas y sectoriales"
Compostela 24 horas: "Ames reparte máis de 55.000 euros ás entidades deportivas do concello"