Pestanas principais

O Concello de Ames repartirá entre a veciñanza o compost realizado durante o pasado curso escolar

Venres, 02 de outubro de 2020

O Concello de Ames participa no proxecto de compostaxe comunitario municipal dende xaneiro de 2019. Esta iniciativa xurde co obxectivo de reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas da Rede municipal de comedores escolares, que xestiona o Concello de Ames. Trátase dun proxecto, deseñado polas Concellarías de Transición Ecolóxica e Educación, que está supervisado por ADEGA. Co comenzo do novo curso e a incorporación total aos comedores no mes de outubro, comeza un novo ciclo e o reparto da compost por diferentes localidades do concello.

“CompostAmes” é un proxecto no que están implicadas as Concellarías de Transición Ecolóxica e Educación, así como persoal técnico dos departamentos municipais de Medio Ambiente e Educación. Está financiado a través dunha liña de financiamento do Plan de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA), outorgadas polo Ministerio de Medio Ambiente para a Transición Ecolóxica. O obxectivo desta iniciativa é reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas da Rede municipal de comedores escolares. O Concello de Ames a través de diversas accións busca o cumprimento dos Obxectivos Globais de Desenvolvemento Sostible formulados por Nacións Unidas no ano 2015.

A compostaxe é un sistema natural de transformación da materia orgánica que simplemente reproduce de maneira controlada o proceso natural de descomposición. Co proceso de compostaxe e o uso do compost conséguese reducir a cantidade de materia orgánica que vai as plantas de tratamento de residuos e, en consecuencia, a emisión de gases de efecto invernadoiro no seu traslado. Tamén se reduce o uso de fertilizantes inorgánicos aos que substitúe, aportando de xeito natural os nutrientes que precisan as plantas e afórrase agua para o rego debido á alta capacidade de retención de líquidos do compost.

Para desenvolver o programa “CompostAmes” colocáronse 6 composteiros de 800 litros no viveiro municipal de Barouta, que funcionan a unha temperatura de entre 40 e 65 graos. Tras un ano de traballo, obtivéronse 400 litros de compost de moi alta calidade debido ás boas labores de separación que realizaron os nenos e nenas, así como o persoal de cociña dos comedores escolares de Ames.

Reparto do compost entre a veciñanza
Co obxectivo de dar a coñecer o programa “CompostAmes” e mailo uso deste abono natural, o Concello de Ames repartirá entre a veciñanza amesá este compost. Deste xeito, este sábado, 3 de outubro, en horario de 16.00 a 19.00 horas, instalarase un posto no mercado de rúa de Bertamiráns para  facer dito reparto entre as persoas interesadas. Este mesmo posto instalarase o sábado, 17 de outubro, tamén en horario de 16.00 a 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Ademais, o compost repartirase no viveiro municipal de Barouta todos os sábados do mes de outubro, de 16:00 a 19:00 horas.

Por outra banda, co comenzo do novo curso e coa incorporación da totalidade de usuarios/as aos comedores escolares no mes de outubro, comeza tamén un novo ciclo de compostaxe. Para obter máis información sobre o proxecto “CompostAmes” hai que pórse en contacto coa Aula da Natureza chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames reparte entre el vecindario el compost generado por los restos de la red de comedores"

El Correo Gallego: "Repártese entre a veciñanza amesán o compost realizado durante o pasado curso escolar"

Compostaxe municipal.

Multimedia

  • Compostaxe municipal.
  • Compostaxe municipal.