- Tematica
Tras a solicitude dunha comisión de seguimento para que Xunta de Galicia e Monbus poñan solución ás deficiencias da liña de autobús de interese municipal de Ames, esta terá lugar o vindeiro mércores, 2 de abril. Ademais, o Concello de Ames seguirá trasladando as queixas e reclamacións que se acheguen mediante o correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal.
O Concello de Ames vén de solicitar a convocatoria dunha comisión de seguimento en virtude da sexta estipulación recollida no convenio asinado no ano 2022 pola, naquel momento, Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel María Vázquez, e o alcalde de Ames, Blas García, para a implantación dun servizo de interese municipal no concello de Ames (SIMU).
Esta convocatoria débese á ausencia de solución ás numerosas incidencias reportadas e, dende o Concello de Ames, espérase sexa un punto de inflexión para que a comisión, que recolle entre as súas funcións velar polo cumprimento do convenio e resolver discrepancias sobre o seu contido e aplicación, resolva a situación de desamparo dos usuarios e usuarias.
O concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernández, apuntou á importancia de que este servizo comece a funcionar dunha forma óptima para que a veciñanza recupere a confianza nel: “Os usuarios e usuarias non confían no servizo e, polo tanto, non o utilizan. É vital que comece a funcionar dunha forma óptima na maior brevidade posible”. Por último animou á veciñanza a seguir trasladando todas as súas queixas e suxestións como xa están facendo dende a pasada semana mediante o correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal.
Servizo de interese municipal (SIMU)
O 28 de abril de 2022 o Pleno aprobou a subscrición do convenio de colaboración para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). O convenio estende os seus efectos ata o 31 de maio de 2026. No acordo de aprobación do convenio autorizábase e dispoñíase o gasto por un importe anual de 55.203,24 euros.
O 30 de xaneiro de 2025 a Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, remitiu requirimento de pagamento da achega para o exercicio 2025, que inclúe a liquidación definitiva do 2024 e o importe estimado para 2025 por un importe superior ao previsto no convenio.
O importe que resulta da liquidación definitiva dos custes do servizo para 2024 menos os ingresos reais do servizo supón un importe superior ao inicialmente autorizado e disposto, debido a que os ingresos reais do servizo foron inferiores aos previstos inicialmente (pasaron de 20.150 euros a 4.436,34 euros). O número de viaxeiros anuais foi de 3.464, mentres que no convenio se estimaban 13.000 viaxeiros/as anuais. O custe anual do servizo ascendeu a 75.353,28 euros, polo que tivo un déficit de 71.799,12 euros.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames abordará con Mobilidade sus demandas para la línea de bus de interés municipal"
El Correo Gallego: "Ames, Xunta y Monbus se reunirán para evaluar el transporte en el rural"