Pestanas principais

O Concello de Ames será un espazo libre de herbicidas químicos

Xoves, 02 de xullo de 2015

[02-07-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras e Medio Ambiente, acaba de tomar a decisión de non empregar produtos fitosanitarios herbicidas. Deste xeito, os operarios da brigada municipal de obras non empregarán herbicidas nos seus traballos diarios. Ademais, nos pregos dos procesos de licitación que abra a Administración local incluirase unha cláusula na que se especifique que as empresas contratadas polo Concello non poderán empregar este tipo de produtos fitosanitarios.

Dende hai décadas os herbicidas químicos véñense empregando no ámbito agrario para evitar a proliferación de vexetación non desexada. Diversos estudos demostran que o uso destes químicos poden plantexar riscos moi serios sobre a saúde e o medio ambiente pola súa alta toxicidade.

Por esta razón, a Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, estableceu o marco de actuación comunitaria para conseguir un uso sostible dos plaguicidas. Posteriormente, o RD 1311/2012 do 14 de setembro traspuxo esta Directiva establecendo así para España o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos chamados produtos fitosanitarios, que inclúen os herbicidas químicos.

O Concello de Ames pretende un novo modelo de traballo onde os operarios municipais da brigada de obras e as empresas subcontratadas, se fose o caso, empreguen prácticas o máis respectuosas posibles co medio ambiente e sen riscos para a saúde. Deste xeito, a brigada municipal non se empregará herbicidas químicos nos seus traballos diarios. Ademais, nos pregos dos procesos de licitación que abra a Administración local incluirase unha cláusula na que se especifique que as empresas contratadas polo Concello non poderán empregar este tipo de produtos fitosanitarios.

O concelleiro de Obras e Medio Ambiente, Blas García, incidiu en que “dende a Administración local, en virtude da aplicación do principio de cautela, co fin de velar pola saúde dos seus veciños, as augas e o patrimonio natural local, procederase ao uso sostible de produtos fitosanitarios sobre todo nos espazos públicos”.

Tendo en conta isto non se empregarán este tipo de produtos nas áreas verdes de recreo con vexetación ornamental ou para sombra, as adicadas ao ocio, esparexemento ou a práctica deportiva, e naquelas zonas situadas nas inmediacións de colexios, garderías infantís, e centros de asistencia sanitaria.