[20-06-2012] Ante os roubos rexistrados no Milladoiro, o Concello de Ames quere subliñar que en ningún momento se desatendeu á poboación, xa que desde o primeiro día existiu unha estreita colaboración, coordinación e cooperación coas forzas e corpos de seguridade para que as investigacións cheguen a bo porto e se poida deter aos responsables. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar unha lista de consellos para a prevención de delitos.
De feito, desde o primeiro momento o Concello de Ames estivo preocupado e atento a esta situación, poñendo os medios necesarios, en colaboración coa Policía Local e a Garda Civil, para poder atallala o antes posible. O contacto foi fluído e directo co mando da Garda Civil do Milladoiro.
En virtude da prudencia e da operatividade destas investigacións, o Concello segue levando a cabo actuacións conxuntas e colaborando directamente cos mandos das forzas e corpos de seguridade. As investigacións sobre estes roubos compete á Garda Civil e a información aos afectados estase canalizando a través dos axentes e dos mandos. Con todo, o rexedor de Ames, Santiago Amor, púxose en contacto co presidente da comunidade de veciños do edificio situado na Rúa Palmeira do Milladoiro para informarlle dos pasos que está seguindo o Concello neste caso.
O Concello de Ames aposta por non xerar alarma de inseguridade ante os roubos rexistrados, xa que se está traballando intensamente para deter aos responsables. Este debe ser o obxectivo polo que debemos traballar todos, institucións e forzas e corpos de seguridade.