Pestanas principais

O Concello de Ames suma unha canle de WhatsApp as súas vías de comunicación

Luns, 11 de marzo de 2024

O Concello de Ames ten presenza nas principais redes sociais e conta con diversas canles de comunicación e sistemas de avisos co fin de que a veciñanza coñeza a actividade e a actualidade municipal. A partir deste martes, 12 de marzo, sumará ás súas vías de comunicación unha canle de WhatsApp. Este novo servizo vai permitir que todas as novas relacionadas coa institución, a axenda de ocio do concello ou os avisos relevantes de última hora se transmitan de forma instantánea ao teléfono móbil das persoas que así o desexen.

Esta nova canle vai permitir trasladar a información do Concello dunha forma máis eficaz. Deste xeito de luns a domingo ofrecerase ao completo a axenda prevista, a información de relevancia e os avisos de última hora.

Así, ao inicio de cada semana e cando se achegue o sábado e o domingo, ofrecerase unha completa axenda lúdica con propostas variadas e para todos os públicos. Un calendario de lecer que se completará co acceso á información de cursos e actividades organizadas polo Concello, e o recordatorio dos seus prazos e vías de inscrición.

A dous “clicks” da axenda e da actualidade municipal
As canles de WhatsApp son unha forma sinxela, confiable e privada de recibir novidades importantes directamente na aplicación de mensaxería. Non require a instalación dunha aplicación extra e pode acceder directamente na pestana de “Novidades”.

Cada persoa que desexe ser partícipe deste novo servizo informativo terá que completar dous sinxelos pasos dentro da aplicación de WhatsApp que xa ten instalada no teléfono móbil. O primeiro paso será premer sobre este enlace, tamén dispoñible na páxina municipal do Concello de Ames (www.concellodeames.gal). En segundo lugar, para activar as notificacións, deberán entrar no chat da canle e clickar no símbolo da campá tachada que se encontra na parte superior.

Un paso máis para comunicarse coa cidadanía
A nova canle de WhatsApp do Concello de Ames súmase as xa existentes vías  de comunicación como son os perfiles oficiais de Facebook, X (Twitter), e Instagram, que ofrecen todos os detalles de actualidade municipal, información dos servizos que lle poden interesar á cidadanía e as propostas culturais de Ames. As redes sociais do Concello experimentaron un gran crecemento nos últimos anos. Deste xeito, contase con 10.518 seguidores en Facebook; 5.219 followers en Instagram e 2.381 seguidores en X (Twitter).

Sistemas personalizados de envío de avisos
O Concello de Ames conta con outros sistemas personalizados de envío de avisos, actualidade e axenda municipal como son a canle oficial de Telegram do Concello de Ames e mailo servizo de envío diario de boletíns informativos vía correo electrónico, que na actualidade conta con 1.300 persoas subscritas. Para sumarse á canle de Telegram, pódese buscar na propia aplicación o nome de usuario @concellodeames, ou ben seguir a ligazón que se pode atopar premendo aquí. Para subscribirte ao servizo de boletíns informativos podes premer nesta ligazón.

Ademais, toda a actualidade e a axenda de Ames publícase a diario na páxina web oficial www.concellodeames.gal, que recolle unha lista con todos os medios de comunicación municipais.

Ames Radio e contidos multimedia na web municipal
Por outra banda, a radio municipal Ames Radio conta coa súa propia páxina web, amesradio.gal, na que a veciñanza amesá pode acceder a toda a súa programación en formato podcast, que inclúe espazos informativos e políticos, magacines e os proxectos da Radio Cidadá.

Estes novos contidos en liña súmanse á xa existente galería de fotos da web municipal e á canle de Youtube do Concello de Ames, onde se recollen os vídeos máis destacados de diferentes actividades e programas realizados no concello.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea un canal de WhatsApp en el que difundirá avisos y actos"

El Correo Gallego: "Ames suma unha canle de WhatsApp ás súas vías de comunicación coa veciñanza"

O Concello de Ames suma unha canle de WhatsApp as súas vías de comunicación