Pestanas principais

O Concello de Ames súmase ao proxecto DiversidArte

Xoves, 22 de xullo de 2021

O programa DiversidArte dedicado á inclusión e á diversidade fai parada este venres 23 de xullo na Praza de Chavián, en Bertamiráns. O espectáculo, que intenta visibilizar as capacidades das persoas en risco de exclusión social, dará comezo ás 19:30 coa actuación do guitarrista inclusivo Robert Pier e continuará cun espectáculo de danza integrada. A entrada é de balde.

O Concello de Ames únese aos concellos de Carral, Miño Noia ou Finisterre para loitar contra a exclusión social a través de DiversidArte. Este programa que xa percorreu boa parte dos concellos da provincia da Coruña leva anos loitando para que os colectivos en risco de exclusión social se fagan cun oco dentro na nosa sociedade e no mercado laboral.

A concellaría de Cultura do Concello de Ames sumouse a este fermoso proxecto coa programación este venres 23 de xullo do espectáculo DiversidArte na Praza de Chavián. O espectáculo promove o empoderamento e a participación das persoas en risco de exclusión social ao mesmo tempo que mellora as súas habilidades físicas e emocionais.

O primeiro en subirse ao escenario de DiversidArte será o músico inclusivo Robert Pier. O  músico converteu a guitarra na súa terapia, padece unha parálise no brazo esquerdo, e no motor da súa vida. O cantautor coruñés móvese entre o rock, o reggae, a rumba e mesmo o heavy.

A continuación chega a quenda de Proxecto Barbeito, un espectáculo de danza integrada que nace da unión da coreógrafa e bailarina cubana Yanel Barbeito e do seu compañeiro de vida Omar Gómez. Proxecto Barbeito é un espectáculo de superación persoal que combina a danza contemporánea e o performance escénico.

A entrada é de balde e para asistir non é preciso convite nin inscrición previa. O aforo é limitado segundo orde de chegada.

Cartel de DiversidArte

Multimedia

  • Cartel de DiversidArte