Pestanas principais

O Concello de Ames súmase á celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos

Xoves, 21 de setembro de 2023

O Concello de Ames, xunto con outras institucións,  colabora na organización da programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Deste xeito, o vindeiro xoves 12 de outubro farase unha andaina conmemorativa entre Compostela e Ortoño, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do Seminario de Estudos Galegos hai 100 anos. As persoas que estean interesadas en participan en dita andaina xa poden inscribirse premendo nesta ligazón. A saída será ás 9.00 horas dende de a Alameda de Santiago. A chegada a Ortoño está prevista para as 12.30 horas aproximadamente. Ás 13.00 horas haberá un acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral. Posteriormente, farase unha romaría na Carballeira de Ortoño con música e xantar.

O alcalde de Ames, Blas García, participou este pasado mércores, 20 de setembro, na presentación dos actos vinculados á celebración e reivindicación do Seminario de Estudos Galegos no ano do centenario da súa fundación. Na rolda estiveron presentes os representantes de todas as institucións implicadas: a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Padroado Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias.

O rexedor de Ames, Blas García, puxo en valor “que sexamos capaces de estar todas as administracións e institucións aquí reunidas hoxe, organizando un acto tan importante e tan necesario como este, polo que significou en canto a avance e modernidade para o noso país naquela época”. Tamén explicou que “como alcalde de Ames, é un orgullo e unha honra para min que poidamos participar na organización e na acollida destes actos festivos, que se van a celebrar diante da casa na que viviu Rosalía e na carballeira de Ortoño”.

García rematou a súa intervención sinalando que “este será un acto que poña en valor todo o traballo feito, pero tamén que sirva de semente para o traballo vindeiro, que teremos que desenvolver todas as administracións conxuntamente para seguir afondando neste campo”.

Andaina de Santiago a Ortoño
A ruta «Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos» partirá da Alameda compostelá o vindeiro xoves, 12 de outubro, ás 9.00 horas. Ás 10.30h farase unha parada técnica para que o grupo de participantes se poida reagrupar. A chegada a Ortoño está prevista para as 12.30 horas aproximadamente. Ás 13.00 horas haberá un acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral diante da placa de fundación do Seminario de Estudos Galegos na casa de Rosalía en Ortoño.

A continuación, todas aquelas persoas que o desexen poderán participar nunha romaría no que haberá un xantar popular amenizado con música tradicional. Para participar nestas actividades, cómpre inscribirse na páxina web do evento. Ao final da romaría haberá servizo de transporte de retorno en autobús.

Na véspera terá tamén lugar o congreso «Saber de nós: cen anos do Seminario de Estudos Galegos» que se centrará na importancia do SEG no seu momento, as súas vicisitudes históricas, o impacto na cultura de Galicia do século XX e a vixencia do seu legado. Estará estruturado en catro sesións.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Andaina simbólica para celebrar o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos"

La Voz de Galicia: "Rememoran o día 12 a andaina entre Santiago e Ortoño (Ames) que deu orixe ao Seminario de Estudos Galegos"

Imaxe da presentación dos actos vinculados á celebración e reivindicación do Seminario de Estudos Galegos

Multimedia

  • Imaxe da presentación dos actos vinculados á celebración e reivindicación do Seminario de Estudos Galegos
  • Imaxe da presentación dos actos vinculados á celebración e reivindicación do Seminario de Estudos Galegos
  • Imaxe da presentación dos actos vinculados á celebración e reivindicación do Seminario de Estudos Galegos
  • Embedded thumbnail for