- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, súmase á conmemoración do Día Nacional da Linguas de Signos este domingo 14 de xuño iluminando a fachada da Casa do Concello de cor turquesa. O lema da campaña deste ano é “A lingua de signos non deixa a ninguén atrás”, acompañado dos cancelos #YoconlaLS #14dejunio.
Mañá domingo, 14 de xuño, celebrase o Día Nacional das Linguas de Signos. Por iso, a fachada da Casa do Concello de Ames iluminarase en cor turquesa para a súa conmemoración. Un día que só conmemoran sete países en toda Europa: España, Hungría, Finlandia, Eslovenia, Islandia, Portugal e Suecia.
A esta conmemoración súmase a colaboración que xa existe entre a Federación de Persoas Xordas, a Asociación de Persoas Sordas de Santiago e o Concello de Ames, coa realización dende fai anos de cursos gratuítos de iniciación á lingua de signos, cos que se acredita aos asistentes cunha titulación de A1.
Cabe destacar que a nivel global existen diversas linguas de signos posto que, como se indica dende a CNSE, estas foron evolucionando de forma natural co contacto entre persoas ata converterse en “linguas naturais de carácter visual, espacial, xestual e manual en cuxa conformación interveñen factores históricos, culturais, lingüísticos y sociais”. Así, mediante cursos como o realizado en Ames, búscase estender o uso deste tipo de linguaxe co obxectivo de romper as barreiras coas persoas xordas, mellorando a interacción social e comunicativa coas oíntes.
Día Nacional das Linguas de Signos Españolas
O Día Nacional das Linguas de Signos Españolas celebrase o 14 de xuño, xa que nesa mesma data no ano 1936 constituíase a CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas), principal axente catalizador, xunto coas súas federacións e asociacións, de aquelas iniciativas orientadas á conquista dos dereitos das persoas usuarias da lingua de signos española.
Baixo o lema “A lingua de signos non deixa a ninguén atrás”, trátase dunha oportunidade para difundir unha imaxe positiva das linguas de signos e por tanto, das persoas xordas e xordo-cegas. Asemade, esta conmemoración sirve para recordar a todos os estamentos que conforman a nosa sociedade que as linguas de signos en España cumpren un papel fundamental para a transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento.