Pestanas principais

O Concello de Ames súmase un ano máis a campaña "En Negro"

Xoves, 06 de setembro de 2018

[06-09-2018] O Concello de Ames participa, por terceiro ano consecutivo, na campaña “En negro contra as violencias”, que busca poñer na axenda pública, con contundencia e para sempre, a loita para rematar con todos os tipos de violencia contra as mulleres en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Así, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, participou este mércores, na primeira xuntanza preparatoria desta nova edición da campaña, en Santiago de Compostela.

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames participa na campaña En negro contra as violencias. Ames en Negro é o nome da campaña que se desenvolverá no termo municipal amesá, a través da que se propón vestir de loito ao concello, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Esta acción desenvolverase entre os días 19 e 25 de novembro, co obxectivo de tinguir durante estes días o concello de negro para mostrar apoio ás vítimas de violencia de xénero.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, acudiu ao longo da mañá deste mércores, 5 de setembro, á primeira xuntanza preparatoria de 2018 da campaña, na que participaron representantes de 60 concellos e das Deputacións da Coruña e Lugo, nas que se barallou as posibles accións conxuntas e o material que se repartirá este ano. A concelleira amesá valora moi positivamente que esta iniciativa se manteña ao longo dos anos xa que “nesta primeira xuntanza mostráronse interesados máis de 15 concellos novos e sempre ten unha gran aceptación entre a veciñanza, o que demostra que é capaz de aglutinar concellos de distinto signo político, o que ven a demostrar que contra a violencia non hai cores”.

Os obxectivos da campaña son o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero, a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.

Na edición do pasado ano participaron 75 concellos galegos, un total de 3.287 establecementos e axentes sociais, e tres deputacións provinciais (Lugo, Pontevedra e A Coruña). Ademais, unha delegación deses concellos viaxou a Bruxelas para presentar a campaña a nivel europeo no Parlamento.

Ames, un concello moi comprometido
Na campaña Ames en Negro, de 2017, participaron máis de 150 axentes sociais, entre establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, ANPAS e centros de ensino. Todos eles mostraron a súa repulsa á violencia machista. Alén diso, o Concello de Ames tamén organizou outras iniciativas en conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres: a presentación dos Puntos de Igualdade e do libro dos Bolechas nos centros educativos, así como a realización das xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero.

Accións en prol da muller
Este ano, se ben aínda se están pechando as acción que se realizarán con motivos da campaña “Ames en negro”, tamén foron moitas as iniciativas adoptadas dende o Concello en materia de igualdade. Así, en xullo, o Concello de Ames colaborou coa Deputación da Coruña para desenvolver o Foro de diagnose do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago, que tivo como finalidade realizar un estudo de diagnose das políticas de igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia. Este é un plan de acción dirixido a establecer liñas estratéxicas de actuación a nivel provincial, aberto á participación de toda aquela persoa ou entidade que quixera.

Este mes, pola súa banda, o CIM de Ames está a realizar un programa enfocado ao empoderamento da muller para a prevención e o tratamento integral das violencias machistas, a través da intervención terapéutica e de diferentes accións psicoeducativas. O programa, que conta con tres tipos de actuacións (grupos de traballo, mañás temáticas e tardes temáticas), ofrece ferramentas que favorezan cambios nas vidas persoais e familiares imprescindibles para asegurar a recuperación integral da muller e poder, así, comezar un novo proxecto vital.