Pestanas principais

O Concello de Ames súmase a X limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia

Mércores, 25 de setembro de 2019

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. En Ames, realizarase a limpeza duns 2.000 metros de cauce de tres ríos diferentes: Sar, Ameneiral e Rego dos Pasos. Desde a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 29 de setembro. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata este venres 27, ás 14.00 horas, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro.

A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando dende o ano 2008, unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “o obxectivo é que as persoas voluntarias saian aos seus ríos, recoller o lixo que atenta contra a riqueza e o valor dos ecosistemas fluviais. O Concello de Ames súmase, un ano máis, a esta iniciativa, convidando a toda a veciñanza a participar na limpeza do Rego dos Pasos, este domingo, 29 de setembro”.

En Ames estableceuse un punto de inicio e fin na praza do concello. Neste punto de encontro recibirase, ás 10.30 horas, a todos/as os/as participantes. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro, que sairá ás 10.15 horas dende diante da Casa da Cultura. Unha vez realizada a presentación da actividade e dar as instrucións oportunas sobre como debemos desenvolver a limpeza faranse tres grupos. Un autobús desprazará ao integrantes dos diferentes grupos a Castrigo, Lapido e Pousada. Información de interese sobre a X limpeza simultánea de ríos en Ames.

Está previsto que as labores de limpeza rematen arredor das 13:00 horas. Unha vez transcorrida a limpeza, os/as participantes reuniranse de novo na praza do Concello para avaliar a natureza e quilos de lixo recollidos en cada río e despois depositarase o lixo nos correspondentes contedores. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos. Haberá servizo de autobús de volta ao Milladoiro, que saíra dende a praza do Concello arredor das 13.30 horas.

Inscrición na Aula da Natureza
As persoas interesadas en participar deberán pórse en contacto coa Aula da Natureza a través do enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. O prazo de inscrición estará aberto ata ás 14.00 horas deste venres 27 de setembro. Na páxina web para a limpeza http://proxectorios.org/limpeza/ especifícase que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordinadores/as, e as entidades participantes, que financian e colaboran neste proxecto.

Recoméndase levar calzado impermeable, cómodo e resistente, luvas e roupa axeitada para a tarefa. As nenas e nenos que participen desta actividade deberán estar sempre acompañados dunha persoa adulta. Deberase ter especial coidado naquelas zonas nas que a corrente circule con maior forza, evitando darlle as costas ao río. Prégase, asemade, que as persoas participantes separen o lixo na medida do posible, co obxectivo de facilitar a súa posterior reciclaxe.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Once ayuntamientos de Área se vuelcan para limpiar los ríos"

O Concello de Ames súmase a X limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia

Multimedia

  • O Concello de Ames súmase a X limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia