Pestanas principais

O Concello de Ames valora entrar como socio de pleno dereito da Mancomunidade Serra do Barbanza

Venres, 08 de xullo de 2022

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, achegáronse esta mañá ata a planta que ten a Mancomunidade do Serra do Barbanza en Lousame. Alí mantiveron unha xuntanza co presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Juan Manuel Saborido, e co xefe da planta da empresa FCC, Luís Fernández. Dende o Concello de Ames solicitouse información sobre a situación actual de dita Mancomunidade e tamén se falou da posibilidade de que Ames pase a entrar como socio de pleno dereito, sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos plantexados en dita reunión.

O alcalde, Blas García, e mailo concelleiro Urbanismo e Administración xeral, Víctor Fernández, reuníronse esta mañá co presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Juan Manuel Saborido, e co xefe da planta da empresa FCC, Luís Fernández. Unha das opcións que se barallan é pasar a ser socio de pleno dereito desta Mancomunidade, xa que o lixo que se recolle no concello de Ames representa o 40% do tratado na planta de devandita Mancomunidade.

Un dos requisitos expresados polo alcalde na reunión desta mañá é que se profesionalicen os recursos humanos da Mancomunidade para mellorar o seu funcionamento. Deste xeito, solicítase que se cree unha xerencia, así como dotar de persoal administrativo e dun técnico medio ambiental que traballe na Mancomunidade e que teña un contacto directo coa empresa e cos traballadores. Tamén se solicitou que o Concello de Ames dende a súa entrada como socio de pleno dereito cara atrás estea liberado e non teña responsabilidade algunha nos procedementos xudiciais que ten abertos a Mancomunidade coa empresa FCC, agás naquelas nas que o Concello de Ames teña unha responsabilidade directa.

Por outra banda, o alcalde de Ames manterá nos vindeiro días unha xuntanza con representantes da empresa FCC para tamén solicitarlle unha serie de cuestións que haberá que cumprir para que Ames para que Ames pase a ser socio de pleno dereito da mancomunidade. A principal será que que a empresa achegue á Mancomunidade un novo camión para a recollida de lixo. Ademais, manterase unha xuntanza co Comité de Empresa da planta para tratar de garantir a viabilidade da planta.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o Concello de Ames leva 16 anos sendo membro da Mancomunidade Serra do Barbanza. Durante ese tempo sempre apostamos por pertencer a dita Mancomunidade, polo menos ata que finalizase o contrato. Agora temos a intención, sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos que expuxemos nesta reunión, de pasar a ser socio de pleno dereito, algo por outra parte que se nos leva pedindo dende a propia Mancomunidade dende hai tempo, porque é certo que Ames é o concello que máis residuos achega a esta planta e polo tanto o Concello que máis paga”.

O alcalde tamén incidiu en que “nós agora o que pretendemos é regularizar a nosa situación dentro da Mancomunidade e seguir apostando por este sistema de recollida de lixo, pero temos que poñernos de acordo coa Mancomunidade, coa empresa FCC e mailos traballadores. Por iso as tres partes temos que poñer da nosa parte para que esta planta siga tendo viabilidade”.

Blas García engadiu que “nós o que queremos é un funcionamento óptimo xa que estamos nun momento no que houbo varias modificacións de sostibilidade ambiental e ademais estamos nun momento no que se pode acceder a axudas tanto de Europa como do propio Goberno do Estado ou da Xunta se existe esa posibilidade. Para iso hai que dispor dunha estrutura organizativa na Mancomunidade para estar pendente de todas estas cuestións. O que non pode ser é que o alcalde ou alcaldesa que estea na presidencia se teña que ocupar de xestionar directamente estes temas. Nós sempre dixemos que nos imos a manter na Mancomunidade ata 2023, sobre todo pensando nos traballadores e traballadoras, pero agora para darlle estabilidade á Mancomunidade queremos pasar a ser socio de pleno dereito”.

O presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Juan Manuel Saborido, explicou que “Ames xoga un papel moi importante na Mancomunidade. Na actualidade o Concello de Ames é cliente, pero para que esta planta teña o futuro que todos queremos é fundamental que Ames pase a ser socio de pleno dereito. Na actualidade a Mancomunidade está composta por nove Concellos dos cales 6 son socios de pleno dereito e 3 son clientes. A entrada do Concello de Ames sería unha garantía de cara ao futuro inmediato de dita planta”.

Juan Manuel Saborido engadiu que “outras das cuestións nas que estamos traballando para garantir o futuro desta planta é tratar de profesionalizar a estrutura da Mancomunidade, xa que na actualidade carecemos de persoal que se encargue da súa xestión. Para iso solicitamos a colaboración da Deputación da Coruña”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Mancomunidade do Barbanza podería ter un novo socio: Ames"

Lindeiros: "O alcalde de Ames, Blas García, quere que a Mancomunidade Serra do Barbanza teña un xerente"

Imaxe da reunión mantida co presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza

Multimedia

  • Imaxe da planta de Lousame
  • Imaxe da planta de Lousame