Pestanas principais

O Concello de Ames volve apostar polo sistema voluntario especial de pagamento do IBI, que posibilita a división do recibo en dous prazos sen custo adicional

Sábado, 30 de marzo de 2019

Desde o 2017, as veciñas e veciños de Ames teñen a posibilidade de solicitar o novo sistema especial de pagamento en dous prazos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). As persoas interesadas poderán solicitar o pagamento fraccionado entregando o impreso de solicitude na Oficina da Deputación da Coruña en Ames, situada na rúa do Ameneiral, número 18, baixo, en Bertamiráns, xunto cun documento de domiciliación bancaria. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 27 de maio de 2019. Para obter máis información pódese chamar ao número de contacto da Oficina da Deputación da Coruña en Ames, ao 981 818 918. O impreso de solicitude pódese descargar na seguinte ligazón http://bit.ly/2mQfYh5.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “por terceiro ano consecutivo volvemos apostar pola sistema voluntario especial de pagamento do IBI, que permite a división do recibo en dous prazos (xuño e outubro) sen custo adicional. As veciñas e veciños que queiran acollerse a este sistema especial de pagamento do IBI terán que facer a correspondente solicitude ata o 27 e maio. Estamos satisfeitos de poder ofrecer unha alternativa que facilita o pago dun dos impostos máis gravosos para os contribuíntes, coma é o IBI”.

O goberno municipal de Ames solicitou no 2016 a posibilidade de establecer un período especial de pago neste concello para o Imposto de Bens Inmobles (IBI), co obxectivo de aliviar a carga impositiva deste imposto municipal que é o que maior repercusión ten na economía das veciñas e veciños de Ames. En decembro dese ano, a Deputación Provincial da Coruña aceptou a solicitude formulada polo Concello de Ames. Desta maneira, desde o ano 2017, as veciñas e veciños de Ames poden dividir o pagamento do recibo do IBI en dous períodos sen ningún tipo de custe adicional.

O primeiro dos pagamentos realizarase o 30 de xuño ou o inmediato hábil anterior, mentres que a segunda metade deberá ser abonada o último día do período de pago establecido para o segundo pagamento, que como regra xeral é o 20 de outubro. As persoas interesadas en fraccionar o pagamento do IBI deberán presentar o impreso de solicitude, antes do 27 de maio, na Oficina da Deputación da Coruña en Ames (rúa Ameneiral, número 18, baixo, Bertamiráns) acompañado do documento de domiciliación bancaria. O impreso de solicitude pódese descargar na seguinte ligazón http://bit.ly/2mQfYh5.

Campaña de difusión
Na actualidade, o goberno municipal está realizando unha campaña de difusión, coa que dá a coñecer este novo sistema especial de pago do IBI, por todo o termo municipal coa distribución de cartelería nos colexios, Casas da Cultura, bares, comercios, locais sociais, urbanizacións, pavillóns, parroquias, portais, bibliotecas ou centros de saúde.

As persoas que xa fixeran a solicitude o ano pasado ou en 2017 non terán que volver a repetir dita operación, senón que xa están dados de alta neste novo sistema voluntario especial de pagamento do IBI ata que se dean de baixa. Para máis información, os interesados/as poden dirixirse á Oficina da Deputación da Coruña en Ames ou facelo a través do número de teléfono 981 818 918.

O Concello de Ames volve apostar polo sistema voluntario especial de pagamento do IBI, que posibilita a división do recibo en dous prazos sen custo adicional

Multimedia

  • O Concello de Ames volve apostar polo sistema voluntario especial de pagamento do IBI, que posibilita a división do recibo en dous prazos sen custo adicional