Pestanas principais

O Concello de Ames volve a ser socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Mércores, 30 de setembro de 2015

[30-09-2015] A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e un técnico desta concellaría, asistiron este martes á Asemblea Xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación, onde se aprobou por unanimidade a renovación da Comisión Executiva, que rexerá a entidade nos próximos catro anos. Despois de catro anos, o Concello de Ames volve a ser socio deste organismo. Para elo tivo que pagar as cotas pendentes dos últimos catro anos para poñerse ao día. Así, a partir de agora, poderá volver a asistir ás asembleas, así como a participar nas actividades programadas.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Tras unha ausencia de catro anos, o Concello de Ames volve a ser socio deste organismo. Deste xeito, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e un técnico desta concellaría, asistiron este martes á Asemblea Xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación, onde se aprobou por unanimidade a renovación da Comisión Executiva, que rexerá a entidade nos próximos catro anos. O alcalde de Nigrán, Juan González (PSOE), é o novo presidente, mentres que a edil redondelá Teresa París (PP), que exerceu a Presidencia na derradeira lexislatura, será agora vicepresidenta. Carme Fouces (BNG), concelleira de Benestar Social en Pontevedra, entra na Tesourería.

Incorpóranse tamén ao órgano de goberno e administración do Fondo Galego a edil Gloria Prada (PSOE), de Monforte de Lemos; o concelleiro Daniel Fernández (PP), de Cartelle, e mais Goretti Sanmartín (BNG), da Deputación da Coruña. O Concello coruñés e mais o de Oleiros conservan cadansúa vogalía, agora con Rocío Fraga (Marea Atlántica) e Marga Figueroa (Alternativa dos Veciños), respectivamente, como representantes. O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que impulsou a creación da asociación en 1997, seguirá encargándose da Secretaría, na figura de Andrea García Corzo.

Balance dos últimos catro anos
Alén da renovación orgánica, que cómpre tras cada convocatoria de eleccións municipais, na sesión expúxose o balance dos últimos catro anos, nos que destacan fitos coma o de que a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) recoñeza ao Fondo Galego como axencia do municipalismo para a cooperación internacional ou que a entidade teña asesorado a Alemaña e Portugal na promoción das súas redes de cooperación descentralizada a través dun proxecto europeo. Na última lexislatura fóronse ademais incrementando os fondos para a convocatoria de proxectos de desenvolvemento en países do Sur e canalizouse axuda de emerxencia a través das axencias da ONU. Intensificáronse asemade as actividades de sensibilización en Galicia e os esforzos en comunicación.

Algúns dos concellos socios asistentes á xuntanza aproveitaron ademais para expoñer a súa opinión ao respecto da actual crise migratoria e de persoas refuxiadas, que será tida en conta para tomar futuras decisións neste senso. O Fondo Galego xa publicou unha declaración institucional na que pon a disposición o seu traballo e experiencia. Coa Asemblea de hoxe péchase o ciclo 2011-2015 e ábrese a lexislatura 2015-2019 da rede solidaria do municipalismo galego, na que se seguirá incorporando a defensa dos Dereitos Humanos á axenda local.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames vuelve al Fondo Galego solidario con el Tercer Mundo"