[18-04-2013] Este sábado, 20 de abril, o Concello de Ames conmemorará o Día do Libro. Para iso a Concellería de Cultura preparou un novidoso programa de actividades que se desenvolverán entre as 17:00 h e as 20:30 horas na praza do Concello e na súa contorna. “Literatura na Praza”, así se denomina o acto que reunirá a literatura e a música nas rúas de Bertamiráns para conmemorar o Día do Libro. Este programa acolle diferentes obradoiros, contacontos para adultos e nenos, así como a campaña de dinamización lingüística, Gústame o Galego. Ademais, como é xa habitual, presentaranse os traballos premiados no IX Certame Literario Concello de Ames. Este ano, como novidade, realizarase unha solta de libros pola praza do Concello e arredores; haberá un posto para intercambiar libros e Pepe Carreiro impartirá un obradoiro de ilustración dos Bolechas. As librarías municipais Lenda; Boas e Novas; e Nenos e Nais encherán a praza cos seus libros e ofrecerán un desconto do 10% sobre o prezo habitual.
Esta edición de Literatura na Praza vén cargada de novidades. O Concello de Ames xa ten pechada a programación de actividades que se organizarán este sábado, 20 de abril, con motivo da conmemoración do Día do Libro. A Concellaría de Cultura deseñou unha programación especial para todos os públicos. Fuxindo da habitual organización dos actos en espazos pechados, a conmemoración do Día do Libro en Ames será na rúa, ao aire libre, de xeito que poida ter un maior dinamismo e proximidade á cidadanía. Os operarios da brigada de obras instalarán na praza do Concello varias carpas para acoller as diferentes actividades programadas.
Ás 17:00 horas comezarán as actividades con música tradicional a cargo do grupo municipal A Requinta da Mahía, que pertence á Asociación cultural Follas Novas. Ademais, a esa mesma hora darán comezo as sesións de contacontos para nenos/as das que se encargarán as animadoras á lectura da biblioteca municipal. A continuación, ás 18:00 horas, será a quenda de Santi Prego, o coñecido actor, popularizado, entre outros traballos, polas series da Televisión de Galicia Rías Baixas ou Libro de Familia, que ofrecerá unha sesión de contacontos para adultos.
Obradoiro de ilustración con Pepe Carreiro
Outra das actividades que seguramente máis interese esperte será o obradoiro dos Bolechas que impartirá, a partir das 18:00 horas, Pepe Carreiro, autor e ilustrador de todas as obras dos Bolechas. Ademais, haberá un posto cos materiais dos Bolechas, onde se poderán mercar os libros que narran as aventuras desta familia de ficción.
Ás 19:00 horas comezará a presentación dos traballos premiados no IX Certame Literario Concello de Ames. Os autores e autoras dos traballos premiados realizarán lecturas públicas destes textos. Ao mesmo tempo, os nenos e nenas poderán gozar doutra sesión de contacontos a cargo das animadora á lectura das bibliotecas municipais. A partir das 20:00 horas volverá a música tradicional ás rúas de Bertamirás, nesta ocasión a cargo do grupo municipal dos Castros.
Actividades permanentes
Haberá varias actividades que se desenvolverán ao longo de toda a tarde coma é a solta de libros que realizará o Concello polos arredores da praza. As persoas que atopen estes libros poderán levalos para as súas casas. Tamén haberá un posto para intercambiar libros. Todos os veciños e veciñas que o desexen poderán levar os seus libros para intercambialos por outros que non leron. Para facer este intercambio habilitarase un posto específico.
Outra das actividades será o Recanto da lectura, que poñen en marcha as bibliotecas municipais. Neste posto haberá fondos da biblioteca municipal centrados en varias temáticas e autores. Deste xeito, a veciñanza poderá gozar da literatura de autores que este ano reciben algún recoñecemento especial. Entre outros, estarán as obras de Rosalía de Castro, xa que en 2013 se celebra o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, ou de Hans Christian Andersen.
Photocoll de Gústame o galego
Gústame o Galego é outra das novidades desta edición. Trátase dunha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso da lingua en diversos ámbitos e situacións.
Nesta actividade instalarase un photocall para que as persoas ás que lles guste o galego poidan elixir un lema e sacar unha foto de Gústame... para trasladarlle ao mundo que lles gusta o galego a través das redes sociais. Previamente, terán que cubrir a correspondente autorización para subir as imaxes á páxina www.facebook.com/gustameogalego. Dúas persoas monitorizarán a acción, tirarán as fotos, etc., e as fotografías obtidas poderán descargarse. Cada persoa que participe será agasallada cunha chapa de Gústame o Galego.
As librarías amienses exporán os seus libros e poranos á venda. As librarías Lenda (Bertamiráns), Boas e Novas (Bertamiráns) e Nenos e Nais (O Milladoiro) ofrecerá un desconto do 10% de desconto sobre o prezo en libraría. Tamén haberá un obradoiro de deseño e elaboración de cadernos con materiais de reciclaxe, que impartirán as técnicas de Medio Ambiente e Xuventude e no que todas as persoas participantes poderán elaborar o seu propio e orixinal caderno.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames xa ten pechado o programa de Literatura na Praza"