- Tematica
O espazo colaborativo A Proa conta na actualidade con 31 postos ocupados dos 36 existentes. Cada coworker pode facer uso das instalacións da Proa durante un período de dous anos. Algunhas das persoas que empregan ditas instalacións están chegando ao final do período de uso, polo que o Concello está estudando opcións para ofrecerlles outras instalacións onde poidan continuar a súa actividade laboral. Ademais, estase traballando na elaboración do novo regulamento de funcionamento do espazo colaborativo A Proa, polo que se vai abrir un período para que os/as coworkers que así o desexen poidan presentar propostas de mellora.
Esta mañá o alcalde, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e persoal municipal, mantiveron unha xuntanza cos/as coworkers que fan uso das instalacións do espazo colaborativo A Proa, que está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial Novo Milladoiro. Dito encontro realizouse co obxectivo de coñecer aos/ás novos/as coworkers, que levan menos dun ano empregando estas instalacións, e volver a falar cos/as coworkers que están no último ano de uso deste espazo municipal.
Tratouse dunha xuntanza na que todas as persoas participantes interactuaron co obxectivo de coñecerse entre si e ver posibles melloras no funcionamento do espazo colaborativo A Proa. Deste xeito, dende o Goberno municipal trasladouse que se están estudando opcións para ofrecerlles outras instalacións, onde poidan continuar a súa actividade laboral unha vez finalizados os dous anos que poden facer uso do coworking A Proa. Cada coworker pode facer uso das instalacións da Proa durante un período de dous anos.
Por outra banda, dende o Concello estase traballando na elaboración do novo regulamento de funcionamento do espazo colaborativo A Proa, polo que se vai abrir un período para que os/as coworkers que así o desexen poidan presentar propostas de mellora.
O alcalde, Blas García, dixo que “Ames é un concello dinámico a nivel de programación cultural, non temos nada que envexarlle a ningún concello. Isto é debido a gran cantidade de xuventude que vive no noso concello. Nisto inflúe moito os servizos de conciliación que ofrecemos. Somos, xunto aos concellos de Oroso e Corcubión, os tres únicos concellos galegos con saldo vexetativo positivo. Ames ten unha actividade frenética e extensa, non dubidedes en trasladar calquera proxecto ou actividade que vexades que pode encaixar”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “dende o Goberno municipal apostamos pola formación e o emprego. A nosa prioridade é traballar sempre con xente e empresas de Ames porque como sempre dicimos, en Ames témolo todo. Co espazo colaborativo A Proa quixemos dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial e pouco a pouco iremos vendo os froitos deste investimento”.
31 postos dos 36 existentes
Actualmente están ocupados 31 postos dos 36 existentes: Javier Rocamonde e Aurora Gil Méndez, de Marxe; Natalia Alvaredo, de Territorios Latentes; Carmen Freire e Dora Vieiro, de Aquelando SL; Álvaro Liste, de Serea Films; Noelia Papín de Serea Teatro; Rosa Taboada de Martela Films; Luis Gerardo Pombo Pereira e Iría Brea Suárez, de Leiloio Internacional; Fernando Rodríguez Gómez, de Taller de Insomnio; Marcos Estévez Malvar e Sergio Ferradáns Ferreiro, de Amonte; Carlos López Ríos, de Gran Rural; José Luís Diéguez Pérez e Juan Manuel Rodríguez González, de Mundo Conexión; Juan luís Magariños Lapido, de Vivir en el Ser; e Carolina Buján Diéguez, de A Masa.
Os sectores das empresas postas en marcha por estes/as coworkers son moi variados: arquitectura, economía circular, produción audiovisual, comercio internacional, agroforestal, plataforma web: actividades rurais, telecomunicacións, saúde mental e desenvolvemento persoal, e redes sociais.
Ademais, hai outros 15 postos ocupados polas persoas que desenvolven os 15 proxectos que forman parte do Ames AV LAB, o laboratorio amesán para impulsar a nova produción audiovisual. Nesta primeira edición do Ames AV LAB, foron seleccionadas catro series, seis curtametraxes, tres longametraxes e dous documentais. Noelia Papín e Rosa Taboada son coworkers e ao mesmo tempo están desenvolvendo un proxecto dentro do Ames AV LAB.
Na actualidade, nas instalacións do espazo colaborativo A Proa desenvólvense 26 proxectos, 11 por parte dos/as coworkers e 15 que se enmarcan dentro do Ames AV LAB.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames busca nuevas ubicaciones para los usuarios del 'coworking' municipal"