Pestanas principais

O Concello implantará a velocidade a 30 km/h nas vías de titularidade municipal

Luns, 03 de maio de 2021

O vindeiro martes, 11 de maio, entran en vigor os novos límites de velocidade en vías urbanas aprobados polo Consello de Ministros o pasado 10 novembro de 2020. Deste xeito, dende a Concellaría de Mobilidade informan de que todas as vías de titularidade municipal entran nas condicións que establece a lei e pasan a ter un límite de velocidade de 30 km/hora. As vías que quedan fóra de dita norma son a avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, a avenida da Peregrina, en Bertamiráns, e as vías de titularidade provincial.

A modificación do Regulamento de Circulación no que se recollen os límites de velocidade nos núcleos urbanos aprobouse en Consello de Ministros o pasado 10 novembro. Para que este cambio fose coñecido polos cidadáns e para que as administracións públicas locais dispuxesen dun prazo suficiente para adaptar a sinalización e/ou infraestrutura, estableceuse un prazo de seis meses desde a publicación do  Real Decreto no BOE, para a súa entrada en vigor.

Deste xeito, dende o vindeiro martes, 11 de maio, as vías de titularidade municipal pasarán a ter un límite de 30km/hora para circular por elas. Dende a Concellaría de Mobilidade estase traballando para que as vías urbanas conten dende o 11 de maio coa correspondente sinalización vertical que estableza o límite de velocidade a 30km/hora. Ademais, en cando sexa posible e a climatoloxía o permita reforzarase co pintado da sinalización horizontal.

As vías que polo de agora quedan fora desta norma son:
-Avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, por ser unha vía de dous carrís por sentido de circulación.

-Avenida da Peregrina, en Bertamiráns, por ser unha vía de titularidade autonómica. A pesar de que esta é un vía da Xunta de Galicia dende o Concello de Ames solicitarase que tamén se aplique o limite de velocidade a 30 km/h, debido a que nas proximidades desta estrada atópanse varios centros de ensino. Considerase que é unha zona na que se debe circular con moita precaución e na que se debería reducir a velocidade de circulación dos vehículos.

-As vías que pertencen á Deputación da Coruña. Para as rúas da Madalena, no Milladoiro, e Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, tamén se vai solicitar que a Deputación implante o límite de velocidade a 30 km/hora, para tratar de homoxeneizar a velocidade nas zonas urbanas do concello.

Campaña informativa “A 30 Ames é máis”
Cómpre lembrar que no pasado mes de setembro de 2020 o Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, lanzou unha campaña informativa sobre a redución da velocidade no interior dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Baixo o lema “A 30 Ames é máis” preténdese que o concello sexa máis amable, máis divertido, máis saudable e máis noso... Preme nesta ligazón para descargar o folleto da campaña de redución de velocidade no interior dos núcleos urbanos “A 30 Ames é máis”.

Agora coa implantación do límite de velocidade nos núcleos urbanos a 30 km/h volverase a incidir nesta campaña que trata de sensilbilizar á veciñanza sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. O obxectivo é informar á veciñanza de que en varias das rúas interiores dos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro vaise a reducir a velocidade dos vehículos a 30 quilómetros por hora.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “a través da campaña A 30 Ames é máis preténdese reducir a velocidade nos núcleos urbanos para poder facer cidades máis humanizadas, máis divertidas, máis amables e cidades adaptadas aos seus habitantes. Para difundir esta campaña entre a cidadanía elaboráronse carteis informativos, chapas con refráns populares e con mensaxes motivadoras, así como un folleto informativo. Premendo no banner, que está na cabeceira da web municipal, pódese obter máis información de dita campaña”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames refuerza la campaña para circular a 30 kilómetros por hora"

El Correo Gallego: "En segunda por las urbes de Ames tras limitarse la velocidad a 30 km"

Compostela 24 Horas: "Ames implantará a velocidade a 30 km/h nas vías de titularidade municipal"

Cartel da campaña informativa “A 30 Ames é máis”

Multimedia

  • Cartel da campaña informativa “A 30 Ames é máis”
  • Cartel da campaña informativa “A 30 Ames é máis”