Pestanas principais

O Concello inscribe a Agrupación de Protección Civil de Ames no Rexistro de Protección Civil da Xunta de Galicia

Venres, 10 de novembro de 2017

[10-11-2017] O Concello de Ames vén de realizar os trámites necesarios para dar de alta a súa Agrupación de Protección Civil no Rexistro de Protección Civil da Xunta de Galicia. Ademais, vaise a dar de alta no servizo de emerxencias 112 para para participar en operativos que pon en marcha a Axencia Galega de Emerxencias. A Agrupación de Protección Civil de Ames conta con 20 voluntarios/as. Durante esta fin de semana, 12 efectivos participarán en tres operativos en Bertamiráns, O Milladoiro e Negreira.

Esta agrupación botou a andar o pasado 9 de setembro colaborando na organización da primeira edición da Carreira da Familia que se celebrou no Milladoiro. Posteriormente, colaboraron na organización doutros eventos municipais como foi a XVIII Carreira pedestre popular do Concello de Ames do día 22 de outubro. Este corpo, está composto por 20 voluntarios/as, que traballan de xeito coordinado coa Policía Local. Prestan servizo nos distintos eventos e actividades nos que intervén a Policía Local. Ademais, prestará axuda en materia de emerxencias, incendios forestais, tráfico e outros eventos municipais (deportivos, culturais, etc) que se desenvolven ao longo do ano.

O Concello de Ames acaba de realizar os trámites necesarios para dar de alta a súa Agrupación de Protección Civil no Rexistro de Protección Civil da Xunta de Galicia. Ademais, vaise a dar de alta no servizo de emerxencias 112 para para participar en operativos que pon en marcha a Axencia Galega de Emerxencias. Isto permitiralle optar ás axudas que outorga a Xunta de Galicia. Nunha xuntanza mantida no mes de outubro entre o alcalde e o vicepresidente da Xunta solicitouse financiamento para EPIS e vehículos para a Agrupación de Protección Civil de Ames. Na actualidade dita agrupación ofrece un servizo de 12 horas, pero estase estudando amplialo a 24 horas.

Durante esta fin de semana participarán en tres operativos diferentes. Este venres, 10 de novembro, pola tarde, participarán na celebración do magosto que organiza a ANPA As Brañas do CEP de Ventín na praza Manuel Murguía do Milladoiro. O domingo, 12 de novembro, colaborarán co dispositivo de seguridade establecido para a XXXVIII Carreira popular de Negreira. Tamén este domingo acompañarán a un grupo de 150 persoas que participarán nunha andaina, que sairá ás 09:00h dende o paseo fluvial de Bertamiráns dirección Santiago de Compostela. O operativo realizarase ata que os participantes entren no concello de Santiago. Trátase da “Travesía Faro de Corrubedo-Praza do Obradoiro 2017” que organiza Asociación Cultural e Deportiva Senda XXI – Barbanza.

Inscríbete como voluntario/a
O prazo para apuntarse como voluntario/a da devandita Agrupación de Protección Civil permanecerá aberto de xeito ininterrompido. Non existe unha data límete para poder unirse a este grupo municipal. Calquera persoa que o desexe pode facerse voluntario/a de Protección Civil en Ames. O procedemento é sinxelo: basta con baixar a ficha que acompaña a esta nova, cubrila e entregala no Rexistro Xeral do Concello, tanto na Casa Consistorial como nas Oficinas de Servizos Múltiples do Milladoiro. Na ficha, ademais dos datos habituais de nome, enderezo e DNI, pídese aos interesados que especifiquen se foron voluntarios de Protección Civil nalgún outro concello, se teñen cursos de Protección Civil e cales e se posúen algunha experiencia laboral vinculada á actividade que realiza Protección Civil.

Tamén se require saber se o interesado/a ten carné de conducir, cal é a súa situación laboral e a súa dispoñibilidade horaria. Deste xeito solicítase a incorporación como voluntario/a á Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames. Unha vez presentada esta solicitude, o departamento correspondente do Concello porase en contacto cos interesados/as para coñecer a súa disposición e saber máis polo miúdo se posúen algún tipo de formación ou experiencia relacionada coa actividade que se desenvolve na Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil.