Pestanas principais

O Concello intensifica a campaña "É hora de sumar" coa posta en marcha de novas iniciativas

Xoves, 09 de abril de 2020

Aos poucos días de facerse efectivo o estado de alarma declarado polo Goberno do Estado, dende a Concellaría de Benestar Social optouse por, entre outras medidas, poñer en marcha a campaña "Ë hora de sumar", coa que se pretende axudar ás persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade que vivan soas. O servizo, que desenvolven os departamentos de Benestar Social e Voluntariado, ofrece aos grupos de poboación máis vulnerables acompañamento telefónico, compras básicas (alimentos, medicamentos...) ou atención a través da psicóloga municipal. Asemade, dende a Concellaría de Benestar Social estanse a adoptar outras medidas para axudar ás familias que máis o necesitan neste momento. Igulamente, e co ánimo de dar cobertura ás demandas de primeira necesidade e realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes axudas municipais para o seu reforzo durante a crise do Covid-19, o Concello de Ames ven de crear un Comité de Emerxencia Social.

Un dos colectivos poboacionais nos que se puxo toda a atención durante estas semanas de confinamento foi ao dos maiores e persoas que viven soas. Neste senso, estase a realizar acompañamento telefónico e seguimento, a través da psicóloga municipal e dos traballadores/as do Departamento de Benestar Social, en colaboración tamén con JUPEMI; e estableceuse un servizo de compras de alimentación e medicamentos polo que, a través dos Departamentos de Voluntariado e Promoción da Saúde, realízanse as compras que se entregan a domicilio (alimentación martes e xoves e medicamentos os mércores).

Outras medidas
Nas últimas semanas, o Concello de Ames optou, igualmente, por un reforzo do transporte adaptado, que se pon a disposición de todas as persoas soas e/ou con dificultades de mobilidade para acercarse aos servizos sanitarios inescusables, facer compra, ir a farmacia, etc. Para facer uso de dito servizo hai que chamar ao número de teléfono 900 204 000.

Igualmente, estase a intensificar o reparto de alimentos entre aquelas persoas, familias e/ou unidades de convivencia que así nolo demandan e comezouse o reparto de lotes saudables (froita, verdura, queixo, iogures) entre as familias con nenos e nenas en comedor escolar bonificados con informe social.

En coordinación cos centros escolares, estase a poñer en marcha un Programa de fotocopiado e reparto de material escolar para as familias sen recursos, así como a estudiar outras posibles axudas.

Ademáis, comezouse co reparto de mascarillas de tea feitas polas voluntarias, entre a poboación amesá.

Servizos Sociais
Asemade, dende o Departamento de Benestar Social continúase coa atención telefónica e telemática, así como con programas de acompañamento telefónico; séguense tramitando axudas de emerxencia, que teñen como finalidade garantir as necesidades básicas (alimentación, medicación, suministros, aluguerio, etc) daquelas persoas con poucos ingresos, para o que se están habilitando mecanismos máis áxiles e que se axusten ao momento de emerxencia que estamos a vivir para a súa pronta tramitación; e séguense a tramitar as axudas de renda municipal básica para garantir un mínimo vital para aquelas persoas sen ningún tipo de ingreso.

Hai que lembrar que a atención ao público faise nos números de teléfono: 981 535 941 e 981 890 964, en horario de 9:00h a 14:00 horas, e nas direccións de correo: servizos_sociaismilla@concellodeames.gal e servizos_sociaisberta@concellodeames.gal. Igualmente, o Centro de información a Muller está dispoñible nos números de teléfono 662 371 392 e 672 234 680 e no enderezo de correo electrónico cim@concellodeames.gal. Para as urxencias establecerase atención presencial sempre con cita previa.

Comité de Emerxencia Social
Co ánimo de dar cobertura ás demandas de primeira necesidade e realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes axudas municipais para o seu reforzo durante a crise do Covid-19, o Concello de Ames optou tamén pola creación dun Comité de Emerxencia Social. O obxectivo final é o de cubrir todas as necesidades básicas dos usuarios e usuarias dos Servizos Sociais, así como dos novos casos que van xurdindo resultado da situación de desemprego, falta de ingresos e confinamento. O Comité de Emerxencia Social está formado polo alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, a asesora xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico, a interventora e secretaria municipais, e os voceiros e voceiras dos diferentes grupos que conforman o goberno municipal. O comité reunirase unha vez á semana.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, destaca que "a situación oblíganos a seguir adoptando medidas e intensificar esforzos en aras de cubrir todas as necesidades básicas dos usuarios e usuarias de Servizos Sociais, e dos novos casos que van xurdindo resultado da situación de desemprego, falta de ingresos e confinamento. Non podemos relaxarnos e debemos seguir ofrecendo todo o noso esforzo a eses grupos de poboación que máis están a padecer esta situación derivada da crise do Covid-19".

alimentos 1

Multimedia

  • mascarillas
  • benestar social 1