Pestanas principais

O Concello investirá preto de 64.000 euros para ampliar a rede de compostaxe doméstica

Domingo, 27 de abril de 2025

O Concello de Ames investirá 63.806,71 euros na ampliación da rede de compostaxe doméstica. Arredor do 75% do orzamento (47.459,54 euros) está sufragado a través dunha axuda da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, mentres que o 25% restante financiase con fondos propios municipais (16.347,17 euros). A través de dito proxecto estímase unha cobertura poboacional total de 600 habitantes, que se acadará coa instalación de 200 composteiros domésticos individuais. Ademais, a través desta subvención vanse adquirir 4 biotrituradoras domésticas que se cederán á veciñanza co fin de xestionar os restos de poda e mellorar a calidade do compost realizado. No vindeiro mes de maio abrirase unha convocatoria aberta a todos e todas as veciños de Ames que desexen participar no proxecto.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, no seu afán por abarcar unha xestión integral dos residuos, impulsa a valorización da fracción orgánica municipal a través da compostaxe. Dende o ano 2006 realízanse diferentes campañas de compostaxe doméstico. No ano 2017, financiado cunha axuda do Plan de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA) de residuos, o Concello de Ames puxo en marcha a área municipal de compostaxe comunitaria para toda a rede de comedores e cociñas do concello nos terreos do viveiro municipal situado no lugar de Barouta.

A compostaxe é un sistema natural de transformación da materia orgánica que simplemente reproduce de maneira controlada o proceso natural de descomposición. Co proceso de compostaxe e o uso do compost conséguese reducir a cantidade de materia orgánica que vai as plantas de tratamento de residuos e, en consecuencia, a emisión de gases de efecto invernadoiro no seu traslado. Tamén se reduce o uso de fertilizantes inorgánicos aos que substitúe, aportando de xeito natural os nutrientes que precisan as plantas e afórrase agua para o rego debido á alta capacidade de retención de líquidos do compost.

Ampliación da rede de compostaxe doméstica
O proxecto, agora concedido, busca consolidar a xestión da materia orgánica mediante compostaxe, estendendo o seu alcance non só ao territorio rural do municipio, senón tamén ás zonas residenciais de vivendas unifamiliares que conforman as diversas urbanizacións, contribuíndo a acadar os obxectivos autonómicos, estatais e europeos en materia de residuos.

A través de dito proxecto estímase unha cobertura poboacional total de 600 habitantes, que se acadará coa instalación de 200 composteiros domésticos individuais. Para facilitar a tarefa de separación de residuos o Concello repartirá 200 cubos colectores da fracción orgánica, así como 200 aireadores cos que conseguir unha mellor resultado do proceso de compostaxe. Ademais, a través desta subvención vanse adquirir 4 biotrituradoras domésticas que se cederán á veciñanza co fin de xestionar os restos de poda e mellorar a calidade do compost realizado.

Para a ampliación da rede de compostaxe doméstica investiranse 63.806,71 euros. Arredor do 75% do orzamento (47.459,54 euros) está sufragado a través dunha axuda da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, da Xunta de Galicia, mentres que o 25% restante financiase con fondos propios municipais (16.347,17 euros).

Accións de divulgación, seguimento e formación
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca “a importancia do factor humano para o éxito deste tipo de iniciativas”. Ademais, indica que  “se prioriza non só a instalación de novos composteiros, senón tamén o acompañamento integral aos participantes, que abarca a análise do proceso individual de compostaxe, a resolución de dúbidas e o apoio continuo para a consolidación desta práctica”.

Tendo en conta que o proxecto busca non só aumentar o número de composteiros domésticos en Ames, senón tamén asegurar o correcto uso dos mesmos e a consolidación da compostaxe como unha práctica habitual entre os veciños, contémplanse accións de divulgación, seguimento e formación dirixidas os/as usuarios/as novos/as que se incorporen á rede de compostaxe doméstica.

No vindeiro mes de maio o Concello de Ames abrirá unha convocatoria aberta a todos e todas as veciños de Ames que desexen participar no proxecto.

O Concello investirá preto de 64.000 euros para ampliar a rede de compostaxe doméstica

Multimedia

  • O Concello investirá preto de 64.000 euros para ampliar a rede de compostaxe doméstica
  • O Concello investirá preto de 64.000 euros para ampliar a rede de compostaxe doméstica