Pestanas principais

O Concello ofrécese a axudar ao sector hostaleiro no cumprimento da normativa que obriga a aforamentos limitados en interior e terrazas

Luns, 01 de marzo de 2021

A partires das 00:00 hora do 5 de marzo entra en vigor a nova normativa que obriga a un control específico de aforo nos establecementos hostaleiros.

No nivel C, nivel no que se atopa o Concello de Ames, permítese un 50% en terrazas e un 30% no interior. A nova Orde ditamina que os establecementos deberán amosar nun lugar visible os aforamentos permitidos, xunto co código QR que facilitará o seguimento de posibles contaxios. O cálculo da capacidade de cada un dos establecementos pódese obter premendo neste enlace.

Emporiso, aqueles profesionais que teñan problemas, poden dirixirse a gabinete@concellodeames.gal, o enderezo electrónico que ofrece o Concello de Ames para axudar ao sector hostaleiro no cumprimento desta normativa. O concello a través dunha carta, firmada polo alcalde, José Miñones, e que será entregada pola Policía Local nos propios establecementos está a trasladar toda a información ao sector hostaleiro.

A normativa que entra en vigor o vindeiro 5 de marzo, será de obrigado cumprimento a partires das 00:00 horas. Os bares, cafeterías e restaurantes deberán amosar nun lugar visible o aforo que lles está permitido, tanto no exterior como no exterior, ademais do código QR, imprescindible para o seguimento de posibles contaxios.

O cálculo do aforo que lle corresponde a cada establecemento depende da súa superficie. Premendo neste enlace pódese calcular este aforo dunha forma sinxela, especificando os metros cadrados de superficie de cada local. Para utilizar esta aplicación é necesario rexistrarse.

Os/as empresarios/as de hostalaría aos/ás que teñan problemas para utilizar a aplicación, poden escribir un correo a gabinete@concellodeames.gal, o enderezo electrónico que o Concello de Ames pon a disposición do sector hostaleiro para axudar a cumprir as novas medidas.

En dito correo, débese indicar cal é a superficie do local unha vez restada a superficie dos aseos, da barra e interior da mesma. Con ese dato calcúlase o aforo interior do local. No caso das terrazas hai que indicar a superficie autorizada para calcular o aforo exterior. Dende o Concello, tamén se pode determinar ese cálculo, sempre que se achegue o proxecto ou o plano do local e da terraza.

O alcalde de Ames, José Miñones, declara que: “O Concello, empregando as ferramentas coas que conta, ponse a disposición do sector hostaleiro,un dos máis afectados por esta crise sanitaria, para axudar a súa reapertura nesta fase, facilitando así que a totalidade de profesionais poidan dar cumprimento ás novas medidas, cuestión que redundará na seguridade dos clientes e clientas e do persoal traballador deste sector.”

Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade Cidadá e Participación Veciñal, Victor Manuel Fernández Prieto, anuncia a colaboración da Policía Local nesta cuestión: “A Policía Local de Ames, como xa ven facendo nos últimos meses, continuará desenvolvendo a importante tarefa de ofrecer información a todos os locais hostaleiros, chegando a totalidade dos profesionais do sector en Ames, para dese xeito garantir un funcionamento seguro do sector hostaleiro”.

O concello, a través dunha carta firmada polo alcalde de Ames, lembra tamén que “outra das obrigas introducidas na nova normativa, esixe colocar a totalidade das mesas e cadeiras que estarán en funcionamento coa totalidade do aforo, procedendo a anulación daquelas que non se poidan utilizar en base á porcentaxe autorizada en cada momento. Así pois, non se poderán retirar mesas ou cadeiras para dar maior espazo das autorizadas neste momento”.

Terrazas.