- Tematica
Até o día 13 de xuño está aberto o prazo para participar no Concurso de karaoke “Canta con Ames” que, co obxectivo de dinamizar o sector comercial, organiza a concellaría de Promoción Económica en colaboración coas Asociacións de empresarios e comerciantes XEA, Palmira Bulevard e Parque empresarial do Milladoiro. Propóñense catro categorías: infantil, xuvenil, sénior e súper sénior. As persoas que desexen participar teñen que enviar un vídeo con audio en formato mp4 , sen base vocal orixinal, de non máis dun 1 minuto á amesnarua@gmail.com. Podes consultar aquí as bases do concurso. E aquí podes descargar a ficha de inscrición do concurso.
No acto de presentación que tivo lugar esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello estiveron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a actriz, presentadora e veciña de Ames, María Mera, que presentará o concurso, Marcos Valcárcel e representantes da empresa Mirabelle que levarán a organización, Joel López Palacios, creador do cartel que anuncia o evento e representantes das tres asociacións colaboradoras: Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulevard, Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames.
Na presentación, a concelleira, Ana Belén Paz agradeceu ao persoal municipal e ás asociacións colaboradoras a súa implicación no evento que, dixo “pretende dinamizar as rúas, o comercio e a hostalaría”. Tivo a concelleira tamén palabras de gratitude para Joel López Palacios “o rapaz do concello que deseñou e cedeu cartaz” e para a actriz, presentadora e veciña de Ames, María Mera, que se encargará de presentar o evento: “É un luxo poder contar outra vez contigo e que outra vez volveras a dicir si ao concello de Ames”, díxolle Ana Paz a María en clara alusión ao vídeo de promoción do comercio no que participara gratuitamente.
María Mera respondeu: “para min é unha honra como veciña de Ames que o concello conte comigo para presentar un concurso que me parece tan axeitado e benvido nestes momentos despois da pandemia no que todos necesitamos saír da casa, socializar, divertirnos, xogar.... que iso tamén é o obxectivo do concurso, dar pasos adiante para que os veciños saian a rúa e desfruten”.
Pechou a quenda de intervencións, o alcalde de Ames, Blas García dixo que a intención era “dinamizar o verán de Ames e de paso descubrir novos valores que de seguro temos neste concello”. Animou García a participación “vai ser divertido e positivo” e salientou a circunstancia de ter encaixado a semifinal coas festas da Madalena do Milladoiro e a final coas festas da Peregrina de Bertamiráns” e de dedicar o evento a “un sector tan importante no noso concello como é das orquestras”. O alcalde reiterou o agradecemento a autor do cartaz a quen desexou “un bo futuro como artista”, ás asociacións das que salientou o importante papel que teñen á hora de dinamizar a economía local, ás empresas que se encargarán da organización, a presentadora María Mera por “colaborar unha vez máis co concello” e ao técnico de promoción económica “polo traballo feito e o que queda por facer”.
A final e a semifinal coincidirán coas festas de Milladoiro e Bertamiráns
O certame poderán presentarse cantantes afeccionados/as. Non poden presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. A organización do concurso recollerá vídeos até o 13 de xuño. Elixiranse 40 vídeos que pasarán á fase de preselección. Esta fase desenvolverase de xeito presencial en dúas xornadas: o 30 de xuño no Milladoiro e o 3 de xullo en Bertamiráns. En cada unha delas participarán 20 persoas, 5 por categoría. Pasarán á fase de semifinal a metade dos concursantes.
A semifinal coincidirá coas festas de Milladoiro. Terá lugar o 28 de xullo na praza de Manuel Murguía, en plena celebración da festividade da Madalena. Cada cantante interpretará unha canción, ou segmento, en galego, catelán ou inglés. O tempo non poderá exceder de 2 minutos por participante. De esta fase sairán 8 seleccionados, dous por categoría que pasarán á fase final. As persoas que non pasen á final recibirán vales para gastar no comercio e na hostalaría local.
O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o 7 de agosto a final do concurso. Coincidirá coa celebración das festas da Peregrina. Os aspirantes interpretarán dous temas de diferente estilo musical. Todos os participantes da final levarán como premio un trofeo, unha cesta natural e un vídeo do seu paso polo concurso. Aos/ás semifinalistas de cada categoría outorgaráselles tamén un cheque de 30 euros para investir no comercio local. Os gañadores/as obterán un cheque de 100 euros, tamén canxeable no comercio local e a posibilidade de cantar nas prebadaladas de fin de ano. Nesta fase final será onde os participantes poderán interpretar os temas enteiros, sempre que non superen os 4 minutos. Os gañadores daranse a coñecer o mesmo día da final.
O xurado
O xurado da fase presentación e da fase de preselección estará composto por 3 membros nomeado por resolución de alcaldía entre persoal que participe na organización da actividade. O xurado da fase semifinal e da final estará composto por 3 membros nomeados por resolución de alcaldía entre profesionais do mundo da música.
O xurado avaliará os seguintes criterios: harmonía, ritmo, afinación, dominio da escena e interpretación. Tendo en conta os criterios de avaliación, cada persoa do xurado, poderá outorgar a cada participante de 1 a 10 puntos por actuación.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: Citan a todos los ruiseñores para aupar el comercio con un premio de karaoke