Pestanas principais

O Concello presenta o proxecto de humanización do entorno das rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias, no Milladoiro

Martes, 31 de outubro de 2023

O Goberno municipal presentou esta mañá o proxecto de humanización da contorna das rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias, integrando a praza da Madalena, o parque de Estivada de Castelao e mailos espazos públicos que lindan coas mesmas. O proxecto, constará de varias fases. A primeira, a expropiación do inmoble situado na rúa da Madalena número 6, está vinculada ao Ames Progresas 2021 – 2023. Posteriormente procederase ao seu derribo e, por último, licitarase o proxecto de execución das obras de reurbanización das prazas e rúas desta zona do Milladoiro. O principal obxectivo do proxecto é buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e accesible por todos os usuarios, garantindo a seguridade e comodidade dos mesmos. Premendo nesta ligazón podes consultar un vídeo explicativo do proxecto.

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foron os encargados de facer a presentación do proxecto de humanización da contorna das rúas Madalena, Estivada de Castelao e das Camelias, integrando a praza da Madalena, o parque de Estivada de Castelao e mailos espazos públicos que lindan coas mesmas. Tamén foi convidado ao acto, Quique Costas, que foi concelleiro na Corporación municipal do grupo Ames Novo, e que no proceso de negociación duns orzamento municipais propuxo facer un estudo sobre dito proxecto de humanización.

Nos últimos anos, o Concello de Ames promoveu diversas actuacións de urbanización e humanización das rúas dos núcleos urbanos co obxectivo de dar un maior protagonismo ao peón fronte ao vehículo rodado, mellorar a mobilidade e buscar un deseño que responda as necesidades dos usuarios. Esta actuación permite mellorar a comunicación das rúas Madalena e rúa Estivada de Castelao, creando un espazo de estancia e de paso acolledor para os residentes da zona.  

O proxecto, constará de varias fases. A primeira, a expropiación do inmoble situado na rúa da Madalena número 6, que está vinculada ao Ames Progresas 2021 – 2023. Dita expropiación xa foi aprobada en Xunta de Goberno Local e notificada aos propietarios do inmoble. Unha vez a vivenda sexa de titularidade municipal poderase proceder ao seu derribo. A partir de aí poderase desenvolver o proxecto de humanización que se pretende executar nos vindeiros catro anos. O proxecto ten un orzamento estimado de preto de 2 millóns de euros.

Presentación do proxecto
O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, foi o encargado de explicar o proxecto de humanización. “A presentación deste proxecto enmárcase nesa liña emprendida polo Goberno municipal de recuperar espazos públicos para os peóns e facer un entorno urbanístico máis amable. A vivenda que temos as nosas costas é un punto negro a nivel urbanístico dentro do noso concello. Dende hai tempo a veciñanza do Milladoiro está reclamando a súa eliminación, polo que dende o Goberno municipal demos os pasos administrativos necesarios para expropiar este terreo e comunicarllo aos seus propietarios. Deste xeito pasa a ser de titularidade municipal e cando os prazos administrativos o permitan procederase ao seu derribo”.   

O concelleiro de Urbanismo tamén explicou que “o proxecto recolle a unión das rúas Estivada de Castelao, Camelias e da Madalena, creando un espazo máis amable con zonas verdes e poñendo en valor a contorna da capela da Madalena, porque é un elemento arquitectónico moi importante. Tamén se lle dá maior importancia á entrada do Camiño Portugués no núcleo do Milladoiro. Este proxecto executarase en varias fases. A idea é empezar a humanización dende a rúa da Madalena, lugar onde se atopa esta vivenda que se pretende derribar, cara as rúas Estivada de Castelao e das Camelias. O que se trata é de gañar espazo para a cidadanía e faríase unha imporante rehabilitación urbanística nesta zona do Milladoiro”.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “este proxecto parte dunha achega feita por Quique Costas, que foi concelleiro de Ames Novo, e que nun proceso de negociación dos orzamentos municipais propuxo facer un estudo sobre este proxecto de humanización. O gran cambio que se fai nesta zona, ademais de derribar esta casa, é crear unha zona de transición entre a rúa Madalena e a rúa Estivada de Castelao, habilitando novas zonas verdes e máis espazo de uso social para a veciñanza. Ademais, vaise a cambiar de lugar o parque infantil que agora mesmo está situado en Estivada de Castelao e crearase un novo parque máis grande na praza da Madalena. Tamén se van eliminar todas as barreiras arquitectónicas que existen nesta zona e unificar as beirarrúas facéndoas máis amplas”.

O rexedor municipal tamén explicou que “a nosa intención é continuar humanizando os núcleos urbanos recuperando espazos para as persoas. Esta non é unha actuación illada, senón que é unha actuación que vai ligada aos proxectos que fixemos no Milladoiro como foi a recuperación da zona verde que está situada ao carón do instituto e da zona deportiva, así como a creación dos percorridos ambientais que parten dende a rúa do Rego. A nosa intención é conectar estas dúas zonas verdes. Pero ademais este proxecto está ligado a outros proxectos que pretendemos poñer en marcha como son a humanización da avenida de Rosalía de Castro e maila creación do centro deportivo do Milladoiro”.

Por último, fixo fincapé tamén en que “estamos traballando para recuperar as prazas interiores do Milladoiro: a praza de Correos, de Manuel Murguía e maila praza que denominamos do Santander. O obxectivo é que O Milladoiro dispoña de máis zonas verdes. Hai zonas verdes pero hai que abrilas e poñelas a disposición da cidadanía”.

Características do proxecto de humanización
Os principais obxectivos que se perseguen son a humanización das rúas a través da delimitación da circulación do tráfico rodado e peonil dándolle prioridade á mobilidade peonil; a ampliación das beirarrúas para darlle maior protagonismo ao peón e crear unha maior extensión dedicada á actividade social; a disposición de zonas axardinadas integrando a natureza na contorna urbana; e maila colocación de mobiliario urbano accesible.

Tamén se pretende potenciar e dinamizar as prazas e viarios interiores comprendidas entre as rúas rúa Estivada de Castelao e a rúa da Madalena. Para elo incrementarase a conexión, a permeabilidade e integración cos viarios principais; crearanse zonas de estancia e puntos de encontro; trasladarase o parque de Estivada de Castelao á praza que se atopa na rúa dás Camelias, coa finalidade de crear un parque infantil de maior envergadura que permita dar resposta ás necesidades dos residentes; e transformar o espazo mediante a creación de zonas verdes e a dotación de mobiliario que se permita xerar un lugar máis confortable para o usuario.

Ademais, está previsto executar un parque infantil na praza da rúa dás Camelias, redeseñando o espazo público cun uso principalmente lúdico e de estancia (accesible, funcional, seguro, integrador coa praza da Madalena); mellorar e acondicionar a entrada dos peregrinos e da veciñanza á praza do Porto, dende a Travesía do Porto, onde se atopa a igrexa de Santa María da Madalena, a cal presenta un estado bastante deficiente, cunha configuración claramente destinada á circulación do tráfico rodado con varios accesos a garaxes.

Por último, preténdese potenciar, dinamizar e integrar a praza de Madalena. Para iso preténdese eliminar elementos que obstaculizan a visibilidade dos monumentos de interese; comunicar a praza coas distintas rúas e prazas existentes, levando a cabo unha unificación e integración do espazo onde se minimicen as barreiras arquitectónicas; mellorar a accesibilidade; e xerar un lugar máis confortable para o usuario.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "O Milladoiro, en Ames, tendrá una nueva zona verde y humanizada en el área de A Madalena"

El Correo Gallego: "Ames humanizará el entorno de la praza da Madalena en Milladoiro"

Enfoques: "Así será la humanización del entorno de la Praza da Madalena, en Milladoiro"

Ames Go: "O Concello humanizará a área da Madalena, no Milladoiro"

Imaxe da presentación do proxecto de humanización

Multimedia

  • Imaxe da presentación do proxecto de humanización
  • Imaxe da vivenda que se pretende derribar
  • Cartaz do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Imaxe do proxecto de humanización
  • Embedded thumbnail for