- Tematica
Tras un parón obrigado pola crise epidemiolóxica, o Concello de Ames volveu colaborar un ano máis co programa Vacacións en Paz, que neste 2022 retomou a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A través desta iniciativa, dende hai máis de 20 anos familias galegas acollen durante os meses de xullo e agosto nenas e nenos saharauís. Nesta edición, cinco crianzas están pasando o verán con familias amesás ata o domingo 4 de setembro. Este xoves, os nenos e nenas foron recibidos no salón de plenos da Casa do Concello por representantes do Goberno municipal e da Corporación.
Saktu e Mariam máis Jalihena, Nayem e Ahmed son as dúas nenas e os tres nenos saharauís que dende comezos de xullo pasan o verán con familias de acollida amesás. A súa estancia no concello é posible grazas ao programa Vacacións en Paz, que neste 2022 retomou a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), tras dous anos de interrupción por mor da pandemia, e co que colabora o Concello de Ames.
Na que é a súa última semana de estancia en Galicia, as crianzas visitaron na mañá deste xoves 1 de setembro o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, onde tivo lugar unha recepción oficial. Nela foron recibidos por representantes do Goberno e da Corporación municipal, entre eles o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo. Ademais, no acto tamén participaron algunhas familias de acollida, así como Esther Ybarra, representante na comarca de SOGAPS.
“Hai 184 nenos e nenas en Galicia co programa Vacacións en Paz, en principio contabamos con seis para familias de Ames, dos que ao final puidemos desfrutar de cinco. Este domingo estaremos no aeroporto de Vigo ata que o avión cos nenos e nenas despegue, pero Vacacións en Paz 2022 non rematará ata que as familias chamen e digan que están nos campamentos cos seus fillos”, sinalou precisamente Esther Ybarra, que destacou o apoio recibido polo Concello, “independentemente da cor política”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, quixo agradecer ás familias “a súa xenerosidade” á hora de retomar o programa despois da pandemia. “Ademais do que levan eles, a vós tamén vos aportou moito, estamos moi agradecidas porque Vacacións en Paz non é nada sen as familias e sen o traballo que fai SOGAPS. Oxalá que non tiveramos que seguir traballando neste senso porque iso significaría que o Sáhara por fin sería libre. Mentres non sexa así, oxalá que siga habendo máis familias coma vós”.
Por último, o alcalde de Ames, Blas García, puxo en valor a longa colaboración do Concello de Ames con SOGAPS e o programa Vacacións en Paz. “Podo dicir que pase o que pase no futuro, imos seguir colaborando, e se é posible, farémolo en maior medida. Todos desexamos que esta situación non tivera que ser así, que o Sáhara fose libre e que estas nenas e nenos vivisen con normalidade”.
As cinco nenas e nenos saharauís estarán coas súas familias de acollida ata este domingo 4 de setembro, día no que emprenderán a súa viaxe de volta ao Sáhara. Neste senso, ademais de actuar de mediador entre as familias amesás e SOGAPS, o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz achegando o importe dos billetes de avión de ida e volta de cada crianza.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Recepción y despedida de los niños saharauís en Ames"
AMSGO!: "Recepción no Concello de Ames ás nenas e nenos saharauís que volven este domingo á casa"