- Tematica
O Concello de Ames recibiu a resolución da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, na que se lle concede unha axuda de 219.342,13 euros, para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque e A Madalena durante o curso 2024/2025. Deste xeito, a axuda concederase en dúas liñas: 84.000€ para gastos de mantemento das escolas infantís, e 135.342,13 euros para a gratuidade da educación infantil nas escolas municipais.
O Concello de Ames vén de recibir a boa nova de que a Consellería de Política Social e Xuventude lle concede unha axuda de 219.342,13 euros para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís municipais de O Bosque (Bertamiráns) e A Madalena (Milladoiro). A subvención concedida está regulada pola Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e enmárcase dentro da orde do 9 de agosto de 2024 pola que se regulan as bases da concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís para o curso 2024/2025.
Deste xeito, a atención educativa nas dúas escolas infantís municipais será de balde para todo o alumnado durante o presente curso. Tanto O Bosque como A Madalena aplicarán directamente a todos os beneficiarios un desconto do 100% no custo da matrícula, e será a Xunta de Galicia a que aboe o custo do servizo educativo.
Para que esta medida se aplique, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais prestados baixo unha perspectiva educativa aos nenos e ás nenas durante a súa estancia na escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Esta axuda non inclúe o custo do servizo de comedor nin as actividades extraescolares que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.
Dúas liñas de axuda
Esta axuda, dirixida ao sostemento dos centros de educación infantil de 0 a 3 anos, consta de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento dos centros, e a liña 2, que compensará a aplicación da bonificación do 100% do prezo correspondente á atención educativa e á matrícula.
A liña 1 contará con 84.000 euros, dos cales 30.545,45€ se corresponden co ano 2024, e 53.454,55 euros co ano 2025. O período subvencionable desta liña comprende entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.
A liña 2 desta subvención conta cunha dotación de 135.342,13 euros. A axuda correspondente aos meses de setembro a decembro de 2024 ascende a 49,215,32€. Desta cantidade, á escola infantil da Madalena correspóndenlle 24.317,24 euros; e á de O Bosque, 24.898,08 euros. Por outra banda, a axuda correspondente aos meses de xaneiro a xullo de 2025 é de 86.126,81 euros. Desta cantidade, á escola infantil da Madalena correspóndenlle 42.555,17 euros; e á de O Bosque, 43.571,64 euros. O período subvencionable desta comprende entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025, pola totalidade do alumnado, para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.