Pestanas principais

O Concello reparte 25.000 euros entre as asociacións de comerciantes e empresarios de Ames

Mércores, 24 de xaneiro de 2018

[24-01-2018] O pasado mes de agosto, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobaba as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local correspondente ao exercicio 2016. Posteriormente, a semana pasada, aprobábanse, tamén na Xunta de Goberno Local, o reparto das achegas económicas, seguindo os criterios contidos nas bases e en función das dúas liñas de actuación establecidas: unha orientada a subvencionar as accións e proxectos destinados á comunicación comercial e outra dirixida a sufragar os gastos de infraestruturas e equipamentos. En total, repartíronse 24.767,40 euros entre a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulevar. O Concello de Ames ten dispoñible, asemade, unha liña de axuda para a promoción do comercio durante o Nadal. O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria remata este xoves, 25 de xaneiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases da convocatoria de axudas para a promoción do comercio no Nadal.

A través da primeira das liñas de actuación achegáronse 20.192,66 euros entre as tres asociacións. Esta primeira liña de actuación estivo destinada a subvencionar accións e proxectos orientados á comunicación comercial: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións e congresos... A segunda das liñas de actuación estivo dirixida a sufragar os gastos de infraestruturas e equipamentos das asociacións: mellora das instalacións, adquisición de material mobiliario e material funxible, software propio, páxina web... incluíndo tamén os gastos de alugueiro de locais e xestoría. En total, foron entregados 4.574,74 euros nesta segunda liña de axudas. 

As bases desta convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local foron aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado mes de agosto. Posteriormente, a semana pasada, aprobáronse, tamén na Xunta de Goberno Local, o reparto das achegas, seguindo os criterios establecidos nas bases. O obxectivo destas axudas é, en palabras da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, “achegar ao comercio amesán o maior número posible de clientes, mellorar a calidade da actividade comercial e favorecer a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio local programada e desenvolta polas entidades asociativas do sector”. Do mesmo xeito, esta convocatoria de axudas tamén busca favorecer a realización de actividades abertas á participación do comercio en xeral e a acadar o autofinanciamento das entidades. 

Promoción do comercio no Nadal
O pasado 26 de decembro, saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que regulan a convocatoria de subvencións para a promoción do comercio durante o Nadal de 2017. Dotada de 30.000 euros, esta nova liña de axudas está incluída dentro do plan estratéxico de subvencións para os exercicios 2017, 2018 e 2019 aprobado no pleno municipal de maio. A convocatoria contempla a subvención, ata un máximo do 80%, das actividades de promoción comercial no Nadal realizadas polas asociacións de comerciantes entre o 1 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018. O prazo de presentación de solicitudes remata este xoves, 25 de xaneiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria de axudas.

As solicitudes deberán ser presentadas no rexistro telemático da sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/), no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR) ou en calquera outro rexistro público dos que se refire o artigo 16 da lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames repartió 25.000 euros de las ayudas al comercio del 2016"