Pestanas principais

O Concello repartirá 4.050 euros no concurso de disfraces do Entroido de Ames que se celebrará o 24 de febreiro no Milladoiro

Martes, 04 de febreiro de 2020

O luns, 24 de febreiro, o Concello de Ames celebra a novena edición da Festa de Entroido. Este ano esta celebración realizarase a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado no Milladoiro. As inscricións para o concurso de disfraces poderanse realizar ata as 11:00 horas do propio día da Festa de Entroido. No concurso de disfraces repartiranse 3.800 euros, que estarán repartidos nas seguintes categorías: infantil, adultos, grupos e comparsas. Ademais, haberá dous premios especiais dotados con 125 euros aos mellores disfraces realizados con material de reciclaxe. O xurado valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade. A charanga Mekanika e maila Gramola Gominola porán música a esta festa.

O Concello de Ames está organizando para o luns, 24 de febreiro, unha nova edición da Festa de Entroido, que este ano se desenvolverá na localidade do Milladoiro, a partir das 17:00 horas. A programación desta festa conta cun concurso e desfile de disfraces no que se pode participar nas seguintes categorías: infantil, adultos, por grupo ou en comparsa. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas. Premendo no enlace que está ao pé desta nova poderás acceder ao apartado de trámites, onde poderás obter as bases do concurso de disfraces e os impresos de inscrición.

Os participantes deberán ter 12 anos ou menos na categoría infantil e máis de 12 anos na de adultos. Os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as comparsas por 10 ou máis persoas, de calquera idade en ambos casos. O concurso desenvolverase no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, que está en fronte da Escola de educación infantil do Milladoiro.
 
As inscricións para participar no concurso de disfraces realizaranse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. A data límite das inscricións é o propio luns, 24 de febreiro, día do concurso, ás 11:00 horas.

Os datos que hai que achegar son o título do disfrace, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de participantes. Poderán participar todas as persoas, asociacións, comunidades, colexios, etc, que o desexen. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que ostentará a súa representación a todos os efectos que se deriven deste concurso. As asociacións serán representadas polo/a presidente/a.

Categorías e premios do concurso de disfraces
Repartiranse 3.800 euros entre as categorías infantil, adultos, grupos e comparsas, que se suman a outros 250 euros destinados aos mellores disfraces elaborados con material de reciclaxe. Haberá tres premios por cada categoría. Deste xeito, na categoría infantil haberá 100 euros para o primeiro, 75 euros para o segundo, e 50 para o terceiro. Na categoría de adultos o primeiro premio estará dotado de 200 euros, o segundo de 150 euros, e o terceiro de 75 euros. Na categoría de grupos os premios serán de 500, 300 e 150 euros, mentres que na categoría de comparsas entregaranse 1.100, 600 e 500 euros.

O xurado, que estará composto por tres persoas designadas polo departamento de Cultura, valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade. Esta valoración realizarase durante o desfile. A súa decisión será inapelable. Os/as participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello no aparcadoiro da Travesía do Porto, debidamente ataviados entre as 17:00 e as 18:00 horas. O grupo de música, Gramola Gominola, actuará de 17.00 a 18.00 horas, antes do inicio do desfile que comezará arredor das 18:00 horas. A charanga Mekanika actuará durante o desfile e na carpa unha vez remate dito desfile.

A concelleira de Cultura, Natividade González, anima á veciñanza de Ames a que se inscriba no concurso de disfraces e participe na festa de Entroido de Ames. “Esta é unha das iniciativas, que organiza o Concello, que máis participación ten. No concurso de disfraces participan tanto veciños/as de Ames como doutros concellos da comarca de Compostela, así coma doutras vilas de toda Galicia. Agardemos que a climatoloxía sexa boa e poidamos gozar dun gran día de entroido”.

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE INSCRICIÓN NO CONCURSO DE DISFRACES DO ENTROIDO DE AMES 2020

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El entroido amiense repartirá 4.050 euros en premios a los mejores disfraces"

Compostela 24 horas: "Repartiranse 4.050 euros no concurso de disfraces do Entroido de Ames"

Cartel do concurso de disfraces do Entroido de Ames

Multimedia

  • Cartel do concurso de disfraces do Entroido de Ames
  • Bases do concurso de disfraces do Entroido de Ames