Pestanas principais

O Concello seguirá realizando tarefas de prevención cara a evitar danos causados por futuros temporais

Luns, 11 de xaneiro de 2016

[11-01-2016] Xestións administrativas e limpeza de zonas conflitivas. Pasado o temporal de auga e vento que esta fin de semana afectou a Ames, o concello segue a traballar para mitigar na medida do posible os efectos cos temporais poidan causar no futuro. Deste xeito, e aínda que o dispositivo especial creado para atender as emerxencias da pasada fin de semana xa non está activo, a Brigada de Obras continúa realizando labores de limpeza en zonas como Raíces, Trasmonte, Biduído e a estrada de Covas, ao tempo que a alcaldía establece contacto con Augas de Galicia coa intención de planificar e coordinar traballos de prevención. Os efectos do temporal en Ames provocaron un desprendemento de terras a AG_56, ao seu paso por Bertamiráns, e problemas de desbordamento en varias zonas, especialmente en Tapia e Pontemaceira, onde os veciños se viron obrigados a desaloxar as súas casas na madrugada do venres ao sábado. A Policía Local e a Brigada de Obras participaron activamente atendendo emerxencias e desenvolvendo tarefas de limpeza.

Esta mesma maña, o alcalde de Ames, José Miñones, remitiulle un escrito ao presidente de Augas de Galicia, encargado do encoro Barrié de la Maza do río Tambre, pedíndolle que ante a posibilidade de novos temporais “se faga unha previsión de apertura das comportas situadas no encoro Barrié de la Maza e así se poida regular de xeito máis eficiente o caudal de Augas do Río Tambre, de xeito que non se agarde a que as augas aneguen zonas como as de Tapia ou Pontemaceiras”. No escrito, o alcalde manifesta tamén a dispoñibilidade do Concello de Ames para colaborar e coordinar estes traballos de xeito que non se teña que agardar a que a auga desborde e entre nas casas e a veciñanza teña que desaloxalas como aconteceu en Pontemaceira esta fin de semana.

“En casos como este, e aínda que o encoro estea noutro concello, ao afectar a unha parroquia de Ames é necesario que haxa unha comunicación fluída”, manifesta o concelleiro de Obras e Servizos, Blas García Piñeiro, quen, xunto co alcalde, visitou esta fin de semana as zonas do concello máis afectadas polo temporal e estivo pendente do dispositivo especial creado para atender as emerxencias. “Somos conscientes -di Blas García- de que, no caso de Pontemaceira, por exemplo, non se poden abrir de golpe as comportas porque iso produciría danos importantes nos bancos marisqueiros de Noia pero si que é necesario que haxa unha coordinación para que ninguén saia prexudicado de situacións coma esta”.

O concelleiro insiste na necesidade de prevención e lembra, neste senso, que a limpeza de cunetas e da canle do Agro do Muiño que o Concello acometeu con anterioridade beneficiou moito á hora de que as consecuencias do temporal non foran tan graves como noutras ocasións. “Somos conscientes de que temos que facer aínda máis labor de prevención, pero as veces desde o Concello pedimos axuda a outros organismos dos que dependen esas actuacións e non recibimos resposta. En agosto, por exemplo, envíamos un escrito a Augas de Galicia e a Patrimonio firmado conxuntamente co concello de Negreira para pedir asesoramento e autorización para limpar a tempo a contorna de Ponte Maceira e a día de hoxe aínda non recibimos resposta”.

Brigada de Obras e Policía Local atenden os efectos do temporal
Blas García quere salientar o traballo da Brigada de Obras e da Policía Local que formaban parte do Plan de Emerxencias Municipais (PEMU), a través do que se creou un dispositivo especial para atender os efectos do temporal, e destaca a vixianza constante que a Policía Local fixo nas zonas de Tapia, Lapido, Ponte Maceiras e Agro do Muiño e o traballo da Brigada de Obras que o venres estivo ata altas horas da noite limpando manualmente a ponte de Lapido, que estaba obstruída, e facendo traballos en Aldea Nova, Biduído e Agro do Muiño onde desatascaron canles, susceptibles de encherse de auga e provocar a entrada desta nas casas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Ames pide previsión al abrir compuertas de la presa Barrié de la Maza"
La Voz de Galicia:"El corte del carril de la AG-56 elevó el tráfico y los atascos en la travesía de Bertamiráns"
El Correo Gallego:"Ames reclama a Augas una gestión eficaz para abrir la presa Barrié antes de riadas"
La Voz de Galicia:"Ponte Maceira vuelve a la normalidad con críticas a la gestión del embalse"