- Tematica
Este xoves, 13 de xullo, o campo da festa de Bugallido acolle a segunda das actuacións da terceira edición dos “Seráns de Ames”. A iniciativa, que se desenvolverá todos os xoves de xullo e agosto, acolle nesta ocasión un concerto do grupo A banda de verán, “A danza de verán”. Será ás 19:30 horas. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames”.
A banda do verán é un proxecto infantil en galego que ofrece música, teatro e danza. Nesta ocasión, achegan a Ames o espectáculo “A danza do verán”, unha actuación con elementos teatrais e de clown que busca a participación de toda a cativada. O grupo ao completo está conformado por Xoan Curiel, Jara Ortiz, Sofía Espiñeira, Carlos Freire, Antón Fernández e Álex Salgueiro. Premendo aquí podes ver un dos seus temas. Durante o seu paso por Bugallido farán un sorteo do libro-CD "Estamos no verán". Así mesmo, ao longo destes días realizarán outro sorteo online a través das súas redes.
Esta é a segunda das actuación dos “Seráns de Ames” 2023, que xa se estrearon a pasada semana na parroquia de Tapia co pregón ofrecido polo actor Josito Porto e o concerto do coro Son Elas.
Iniciativa “Seráns de Ames”
“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por terceiro ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvolveranse todos os xoves dos meses de xullo e agosto, habitualmente ás 19:30 horas.
O vindeiro xoves, 20 de xullo, será a quenda de Pablo Balseiro & Los Cascarillas, que actuarán en Tapia ás 19:30 horas. Balseiro, músico e compositor dende os 14 anos, ten participado en numerosos proxectos e tocado con distintas bandas ao longo da súa traxectoria profesional, e acumula ás súas costas máis de 600 concertos.