Pestanas principais

O conselleiro de Sanidade visita o PAC de Bertamiráns e as obras do novo centro de saúde do Milladoiro

Martes, 05 de febreiro de 2019

[05-02-2019] Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, e outros/as concelleiros/as do grupo de goberno e da Corporación municipal, visitaron o PAC de Bertamiráns e as obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. O conselleiro anunciou a elaboración dun proxecto para realizar obras de mellora no centro de saúde de Bertamiráns, uns traballos que poderían executarse neste ano 2019. Asemade, anunciou que o novo centro de saúde do Milladoiro está previsto que comece a funcionar cara finais deste ano.


Novo centro de saúde do Milladoiro
O novo centro de saúde do Milladoiro está composto basicamente dun andar, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén un andar -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O novo centro de saúde contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería, unha para farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e outras tres salas polivalentes. Polo que atinxe a área pediátrica, terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde.

O centro terá, así mesmo, unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social e unha área de persoal, e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. O proxecto de construción propón un esquema de espiña de peixe, con patios arborizados, o que permite unha boa disposición, garantindo ventilación e iluminación natural en todas as dependencias, á vez que optimiza os percorridos de circulación.

Este novo centro atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños e veciñas de Ames.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro, no concello de Ames, nas que a Xunta de Galicia vai investir 2,3 millóns de euros, dentro do seu plan de potenciación da atención primaria. O conselleiro estivo acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, do alcalde de Ames, Jose Miñones, da concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, e doutros/as concelleiros/as do grupo de goberno e da Corporación municipal.

Os traballos, que marchan a bo ritmo, teñen un prazo de execución de 17 meses. O futuro centro de saúde disporá dunha superficie construída de arredor de 2.100 metros cadrados. Ademais, visitou o centro de saúde de Bertamiráns, que, segundo Almuiña, tamén será reformado con obras que se iniciarán este ano para a ampliación de espazos e de incremento da confortabilidade. Estas dúas iniciativas enmárcanse dentro do plan de mellora do primeiro nivel asistencial que está a levar a cabo o goberno galego.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, dixo “estamos visitando este centro de saúde de Bertamiráns, que é un Punto de Atención Continuada, para unha comarca moi ampla. Estivemos revisando coa xefa de servizo e co coordinador de enfermaría obras para a súa mellora como poden ser a reparación de humidades, melloras de espazos como poden ser da área de recepción e atención da xente no centro. Deste xeito vamos a elaborar un proxecto, e posiblemente este mesmo ano vamos a iniciar estas obras, que pretenden a mellora de servizos e maila confortabilidade dos usuarios e usuarias”.

Ademais, o conselleiro de Sanidade, destacou que “a obra do novo centro de saúde do Milladoiro é unha obra moi importante e agardamos que a final deste ano 2019 xa poida estar en uso. É un centro de saúde moi necesario, xa que Ames é un dos concellos con maior incremento de poboación nos últimos anos, e loxicamente, o actual centro de saúde do Milladoiro quedaba moi pequeno para a poboación do Milladoiro”.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, manifestou “é unha satisfacción ver como van avanzando as obras no centro de saúde do Milladoiro, posto que era unha demanda de moitos anos, que non se desbloqueou ata que fomos quen de desbloquear a cuestión urbanística da parcela. É algo que todo o Milladoiro estaba a pedir dende fai moitos anos, polo que ver agora como avanzan as obras a bo ritmo é satisfactorio para todos”. En canto ao remate das obras, Miñones dixo “están a falar de finais de ano, incluso do mes de novembro, aínda que xa sabemos como son as obras, que se poden atrasar algo máis”.

Por outra banda, o rexedor municipal, destacou que “durante a redacción do proxecto, insistimos moito en que o centro de saúde quedase encadrado dentro do entorno urbanístico que vai ter este S15, e o desenvolvemento do Milladoiro. Tamén insistimos que estivese conectado coa Travesía do Porto, onde cumprimos coa nosa palabra de dotala dun espazo aberto que agora terá continuidade coa apertura deste centro de saúde. O que nos interesa é que se acaben as obras canto antes, que vaia avanzando, e que os veciños e veciñas teñan o antes posible ese centro de saúde que levan anos demandando”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Sanidade fija para final de año la apertura del centro de salud de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Centro de salud de Milladoiro en 2019 y obras en el de Bertamiráns"
Lindeiros: " O novo centro de saúde do Milladoiro podería estar rematado a final de ano "
Compostela 24 horas: "Almuiña visita as obras de construción do centro de saúde do Milladoiro e anuncia mellores para o centro de saúde de Bertamiráns"