Pestanas principais

O Consertasso de Brais das Hortas pecha os Seráns de Ames este xoves, día 24, en Bugallido

Mércores, 23 de agosto de 2023

Este xoves, 24 de agosto, o campo da festa de Bugallido acolle a última sesión do programa “Seráns de Ames”, unha iniciativa que se veu desenvolvendo semanalmente durante os meses estivais. Nesta ocasión, os asistentes poderán gozar do espectáculo “Consertasso na horta”, de Brais das Hortas que será ás 20:30 horas. 

Brais das Hortas é músico, e conta cunha traxectoria profesional de máis de 25 anos. Actualmente forma parte de grupos como Sacha na Horta e Blues do país, e participou en proxectos de bandas como Fura Fura. Ademais, compón e grava BSO para A tropa de Trapo, Peter Punk...

Desta volta, Brais das Hortas chega a Ames con “Consertasso na horta”, unha actividade participativa para toda a familia con moito humor, ritmo e música de diferentes estilos que van desde o tradicional ao electrónico, pasando polo punk e o trap. O espectáculo ten o obxectivo de sementar e apañar lingua, risas e ganas de cantar e bailar xuntas.

Seráns de Ames
“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por terceiro ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvolvéronse todos os xoves dos meses de xullo e agosto, e chegan ao seu fin esta semana.

Cartaz Seráns de Ames do 24 de agosto