Pestanas principais

“Pequenas historias subversivas”, o contacontos para adultos, realizarase de xeito virtual

Sábado, 28 de novembro de 2020

O espectáculo "Pequenas historias subversivas" de Dani Blanco, que se ía realizar nun primeiro momento na biblioteca de Bertamiráns, trasládase as pantallas de cada veciño e veciña. Por mor das restricións de aforo, as Bibliotecas Municipais de Ames fará moitas das súas actividades de xeito virtual, trátase  dos #dixicontos.  Deste xeito, este contacontos para adultos poderase desfrutar a través da páxina de facebook o martes 1, o xoves 3 e o sábado 5 a partir das 18.00 horas.

As restricións de aforo establecidas para frear a expansión da Covid-19 levaron ás Bibliotecas Municipais de Ames a trasladar parte da súa programación á plataformas dixitais xurdindo, así, o programa #dixicontos.

Deste xeito, o contacontos para adultos “Pequenas historias subversivas”, que estaba previsto para o 30 de outubro  na biblioteca de Bertamiráns, realizarase virtualmente. Os usuarios e usuarias poderán acudir a este espectáculo a través da páxina de facebook o martes 1, o xoves 3 e o sábado 5 de decembro a partir das 18.00 horas.

“Pequenas historias subversivas”, organizado por Dani Blanco, reflexiona sobre asuntos como se Xosé Neira Vilas sabía que, cando escribira “Memorias dun neno labrego” no ano 1961, ía provocar que 28 anos máis tarde caira o muro de Berlín ou ata que punto o azar manexa as nosas vidas. Dani Blanco falará, tamén, sobre Biófilo Panclasta, que estivo en Cangas nos anos 60, ou Cachiño, o mariñeiro Rillote, e que tivo que facer para sobrevivir a un naufraxio en Tristán de Acunha, Ademais, o público preguntarase: Que pintan Los Tamara en todo isto?

O martes 1 de decembro levarase a cabo o espectáculo “A pataca”, o xoves 3, “Efecto mariposa” e, por último, o sábado 5 de decembro, “Avoa”. As tres sesións a cargo de Dani Blanco.

#Dixicontos
O programa #Dixicontos responde á necesidade de trasladar ao entorno dixital as habituais sesións de conta contos que estaban programadas para o último trimestre do ano e que, por mor das restricións que dita a normativa de loita contra da COVID19, non se poden realizar nas propias sedes da biblioteca.

Ademais, a programación infantil continuará coas súas sesións virtuais a cargo das animadoras á lectura, Bibiana Fernández e Divina Calvo. Ámbalas dúas asomaranse cada mércores a fiestra do Facebook das bibliotecas para seguir animando á rapazada amesá a ler, escoitar e desfrutar das historias que contan os libros. Farano a través da rede, ampliando ademais deste xeito as posibilidades de aforo ilimitado que supón esta vía de comunicación.

Non é a primeira vez que a Biblioteca Municipal leva a súa actividade de contacontos á rede. Desde o mes de abril e até mediados de xuño de 2020, durante o período de confinamento, as actividades de animación á lectura víronse absolutamente limitadas. Nesa ocasión, as animadoras á lectura das bibliotecas realizaron 3 contacontos virtuais á semana que se retransmitiron os luns, mércores e venres, tamén a través do Facebook do departamento. Os 30 vídeos realizados nesta época seguen accesibles para todas aquelas persoas que os queiran ver na páxina de facebook da biblioteca.

“Diante da adversidade non queda outra que reinventarse e iso xa o demostraron os técnicos e técnicas da biblioteca municipal de Ames durante o confinamento, inzando de actividade ás redes; agora, debido a que as normas de loita contra a pandemia dificultan a realización das sesións presenciais de contacontos, as animadoras da biblioteca poñen en marcha os “Dixicontos” para, deste xeito, seguir motivando á rapazada a ler e escoitar historias”, manifesta a concelleira de Cultura e responsable do servizo de Biblioteca, Natividade González.

, o contacontos para adultos, realizarase de xeito virtual

Multimedia

  • , o contacontos para adultos, realizarase de xeito virtual