Pestanas principais

O curso preparatorio para a obtención do título da ESO da Escola Municipal de Adultos de Ames conta este ano cunha vintena de alumnas e alumnos

Mércores, 29 de novembro de 2017

[29-11-2017] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle este ano o curso preparatorio para a obtención do título da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) da Escola Municipal de Adultos de Ames. O curso, que está organizado pola concellaría de Educación e Cultura, é impartido por unha técnica municipal deste departamento, os luns e os martes, en horario de 09:30h a 13:00 horas. A matrícula do curso, que é gratuíta, permanece aberta durante todo ano. Para inscribirse ou para obter máis información, as persoas interesadas poden pasarse polas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, ou chamar ao número de teléfono 981 891 476.

Este ano, son arredor de 20 as persoas que están a preparar o exame de obtención do título da ESO a través da Escola Municipal de Adultos de Ames, un servizo dependente da Concellaría de Educación e Cultura. Dividido en dous cuadrimestres, o curso conta con tres módulos por período, que inclúen as áreas de comunicación (galego, castelán e inglés ou francés), ciencias e tecnoloxías (matemáticas, ciencias da natureza, física, química e tecnoloxía) e ciencias sociais (xeografía, historia e outras materias afíns). As aulas, que están a ser impartidas pola técnica do departamento de Educación, Carmen Reboredo, realízanse os luns e os martes, de 09:30h a 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

O curso tamén inclúe un servizo de titoría chave á hora de preparar as probas finais. Ademais, cómpre destacar que estas aulas son planificadas en función dos diferentes perfís do alumnado participante, valorándose factores como a idade, a formación inicial, a dispoñibilidade persoal de asistencia e a procedencia das persoas. O obxectivo do curso é axudar a aquelas veciñas e veciños maiores de 18 anos, que o desexen, a obter o título de Graduado en Educación Secundaria. Desta maneira, como todos os anos, haberá persoas que preparen a proba libre para realizala na convocatoria ordinaria do mes de maio, así como outras que opten por ir eliminando contidos a través dos exames parciais que se realizan no IES San Clemente ao longo do curso.

A matrícula permanece aberta todo o ano
A Escola Municipal de Adultos do Concello de Ames non esixe unha asistencia obrigatoria, de feito, esta queda en función das posibilidades de cada quen, xa que hai persoas que compatibilizan esta formación cun emprego. Alén diso, a matrícula permanece aberta ao longo de todo ano, polo que aínda se poden apuntar ao curso todas aquelas persoas interesadas en obter o título da ESO. Porén, recoméndase a asistencia ás aulas desde o comezo, xa que, deste xeito, sempre se teñen maiores garantías de aprobar. Para inscribirse ou para obter máis información, as persoas interesadas poden pasarse polas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, ou chamar ao número de teléfono 981 891 476.