- Tematica
O Delas Fest, primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, volve a organizarse por quinto ano consecutivo. A iniciativa, ademais de encher de cores e historia os muros da comarca de Compostela, abarca unha serie de actividades que darán comezo este martes, 25 de abril. Ás 16:30 horas o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a proxección do documental “Museo a ceo aberto”. A entrada é de balde ata completar aforo, e os asistentes poderán participar nun coloquio coa directora do filme, Marián Fernández, da cooperativa O cable inglés.
A serie documental, creada no ano 2021, está estruturada en sete capítulos dunha duración aproximada de vinte minutos, e xira arredor da arte urbana en Galicia, onde foron xurdindo artistas, iniciativas e eventos que conseguiron xerar auténticas transformacións na paisaxe das vilas, barrios e cidades.
“Museo a ceo aberto” mapea os principais polos de creación da arte urbana galega a través de conversas con artistas, comisariados e colectivos que promoven eventos referenciais en Galicia, establecendo unha conversa arredor dos distintos tipos de manifestacións artísticas urbanas (grafiti, mural, stencil, paste-up…), e reflexionando sobre o seu valor patrimonial, urbanístico, social e artístico.
Delas Fest
O proxecto do Delas Fest, que é organizado por 7H Cooperativa Cultural desde o ano 2019, celebra na comarca de Compostela una nova edición coa reivindicación da igualdade, a democratización da expresión artística no espazo público e o apego ao territorio como sinais de identidade. Cita de referencia de arte urbana no circuíto estatal, este ano o programa é posible grazas á colaboración dos Concellos de Ames, Santiago, Teo e Brión, á liña de subvencións da Deputación da Coruña e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas, Daveiga e LoxamHune.
Esta quinta edición do festival, que marca un fito na historia do proxecto, está deseñada desde o desexo de celebrar e destacar a importancia e o valor de que as mulleres ocupemos artisticamente, durante todo o ano, o espazo público. Para iso, a súa programación, condensada habitualmente nunhas poucas semanas, esténdese desde o simbólico mes de marzo -cando se lanzou unha nova convocatoria de Muros en Man Común- e amplíase con distintas actividades ata o mes de setembro, momento no que se realizarán as catro novas intervencións murais de gran formato.
O cartel desta edición, novamente integrado unicamente por mulleres que desenvolven o seu traballo na rúa desde unha perspectiva feminista, incorpora no seu deseño á ilustradora María Montes (Pontevedra, 1987) quen, co seu característico e minucioso traballo, amosa unha persoal reiterpretación do espírito do festival, continuando a labor iniciada co cartel da edición anterior pola tamén ilustradora Maru Astray.
Este ano, as encargadas de realizar as obras de gran formato son a muralista e ilustradora vasca Amaia Arrazola (Gasteiz,1984), quen pintará no concello de Brión; a artista visual e muralista galega Doa Oa (Sober, 1986), quen creará no concello de Teo, a muralista e artista visual británica Eloise Gillow (Oxford, 1993), quen levará a arte urbana ao concello de Santiago; e a ilustradora e muralista valenciana Julieta Silla (Valencia, 1982), coñecida artisticamente como Julieta XLF, quen creará a súa peza no concello de Ames.
Para definir as temáticas e enfoques das súas obras, as convidadas contarán desde este mes coa colaboración da comunidade, quen volverá ter un rol destacado nos procesos creativos. A través da convocatoria Anfitriónate!, a veciñanza ten a oportunidade de coñecer ás artistas e de trasladarlles información, coñecementos e vivencias que inspiren as súas intervencións, converténdoas en reflexo da identidade e a idiosincrasia do territorio que as acolle.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Delas Fest de arte urbana chega co documental 'Museo a ceo aberto' ao Milladoiro"